A Xunta destaca as Estratexias de desenvolvemento local participativo como motores de financiamiento para o emprendemento nas zonas costeiras

27 de Novembro de 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou no Encontro Ultreia Galicia

 A Xunta destaca as Estratexias de desenvolvemento local participativo como motores de financiamiento para o emprendemento nas zonas costeiras
  • Ángeles V. Suárez subliña que os GALP “achegan financiamento europeo e autonómico que permite reducir riscos, crear emprego e impulsar proxectos innovadores e de diversificación económica”

  • A responsable autonómica detallou que o programa FEMPA permitiu mobilizar case 46 millóns de euros a través de 339 proxectos impulsados por microempresas, pequenos negocios, entidades pesqueiras e administracións locais.

  • A directora xeral apelou a avanzar na simplificación administrativa e na creación de novos instrumentos financeiros adaptados á realidade empresarial das zonas costeiras

A Xunta destaca as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) como motores de financiamento para o empredemento nas comunidades costeiras. Así o resaltou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na mesa redonda sobre financiamento de proxectos, no marco do Encontro Ultreia Galicia, celebrado este venres no  Parador de Santo Estevo. Alí puxo en valor o papel clave que exerce a Consellería do Mar, a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), para apoiar novas iniciativas empresariais vinculadas ao mar.

A responsable autonómica lembrou que a Xunta actúa como “axente dinamizador e facilitador do financiamento público no sector marítimo”, canalizando fondos europeos, actualmente o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa), e fondos autonómicos cara proxectos de emprendemento, innovación, turismo mariñeiro, diversificación económica e preservación da identidade costeira. “Este apoio reduce os riscos financeiros e permite que iniciativas que doutro xeito serían inviables poidan saír adiante”, explicou.

Durante a súa intervención, Suárez expuxo o perfil das empresas e entidades beneficiarias e os resultados alcanzados. A través dos Galp, puxéronse en marcha 339 proxectos, cunha axuda pública de case 25 millóns de euros, que xeraron un investimento total próximo aos 46 millóns de euros. Segundo explicou a directora xeral, as microempresas e pequenos negocios predominan entre os proxectos empresariais apoiados, con iniciativas centradas na mellora da comercialización, a trazabilidade, a transformación de produtos pesqueiros e o turismo mariñeiro e costeiro. Pola súa banda, as persoas promotoras individuais destacan en actividades de distribución, hostalería vinculada ao mar e servizos turísticos.

Tamén subliñou o papel das entidades pesqueiras, asociacións e administracións locais, que concentran máis de 15 millóns de euros en axudas, orientadas á valorización dos produtos do mar, a mellora ambiental, a promoción do patrimonio mariñeiro e o impulso de proxectos socioculturais e de gobernanza.

Barreiras e retos pendentes

A directora xeral explicou que, malia o acompañamento técnico dos GALP e a súa proximidade ao territorio, as microempresas, pequenas empresas e emprendedores atopan limitacións á hora de acceder ao financiamento público e privado. Entre elas, sinalou a necesidade de adiantar os investimentos antes de recibir axudas, o que xera tensión financeira, ou o desaxuste entre os calendarios das convocatorias e o ritmo real do mercado. A estas, sumou a obrigatoriedade de manter emprego tres anos tras o remate dos proxectos, difícil de asumir en actividades estacionais e a dificultade para acceder a financiamento bancario por falta de garantías ou pola percepción de risco ligada á actividade pesqueira ou marisqueira. “Estas barreiras evidencian a necesidade de adaptar os instrumentos financeiros ás dimensións reais das empresas costeiras”, apuntou.

Entre as medidas de mellora, Ángeles V. Suárez apostou por simplificar a carga administrativa dos proxectos de menor investimento, sempre dentro do marco comunitario, e por explorar incentivos fiscais, como unha posible redución do IVE nos produtos pesqueiros para impulsar a demanda interna e mellorar a rendibilidade do sector transformador. Así mesmo, defendeu a creación de novos instrumentos financeiros específicos, como liñas de microcrédito con garantía pública, fondos de investimento social ou mecanismos de adianto parcial das axudas. “Trátase de facilitar o acceso ao financiamento e fortalecer o emprendemento no litoral como fórmula para fixar poboación, xerar emprego e protexer a identidade mariñeira”, concluíu.

 

Logo cofinanciado