Acto de presentación da iniciativa autonómica
-
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca esta iniciativa á que o Goberno galego destina máis de 145.000 euros
-
O proxecto aposta pola FP Dual, as visitas a centros, os embarques tutelados e accións de sensibilización para achegar o sector á mocidade
-
A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso de programas que garantan a remuda xeracional e o prestixio das profesionais do mar
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na presentación do proxecto Relevo Xeracional: O futuro do mar, unha iniciativa promovida conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia e cofinanciada polo fondo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e Acuicultura (Fempa), cun investimento total de 145.520 euros.
Durante a súa intervención, a responsable autonómica salientou que este proxecto “pon o foco nun dos grandes desafíos do sector marítimo-pesqueiro: asegurar que haxa novas xeracións preparadas e motivadas para recoller a testemuña”. Subliñou ademais que Galicia “non pode entenderse sen o mar, e por iso é fundamental abrir as portas das lonxas, das empresas e dos barcos á mocidade para mostrarlles que existe un futuro profesional real, digno e con oportunidades”.
O proxecto, coordinado polo Galp Ría de Arousa, reúne por primeira vez os oito grupos nun programa conxunto que inclúe accións informativas e de orientación en centros educativos, visitas e prácticas en empresas e entidades do sector ou actividades de sensibilización como campamentos mariños e materiais audiovisuais. Tamén recolle o Intercambio de experiencias con outras rexións, como o País Vasco, a participación en feiras educativas como Edugal e accións específicas para captar alumnado para a FP Dual vinculada ao mar.
Ángeles V. Suárez destacou esta cooperación como “un exemplo excepcional de unidade e visión compartida”, recoñecendo o esforzo dos Galp, confrarías, entidades sectoriais e centros educativos implicados. Nesta liña, reafirmou o compromiso da Xunta no desenvolvemento de iniciativas que garantan a continuidade do sector. “Non chega con dicirlle á mocidade que hai emprego no mar: hai que mostrarlle que é unha profesión moderna, tecnificada, sostible e con enorme orgullo identitario”.
A directora xeral salientou tamén que o proxecto se enmarca na estratexia autonómica de promoción da FP marítimo-pesqueira, reforzada nos últimos anos coa ampliación da oferta formativa, novas accións de divulgación e o apoio directo ás entidades do sector.
