A Xunta destina 18,4 millóns de euros a axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro ata o 2025

14 de Novembro de 2023

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro respondeu preguntas na Comisión 8ª

A Xunta destina 18,4 millóns de euros a axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro ata o 2025
  • Este ano realizouse a primeira convocatoria con cargo ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) cun orzamento para a primeira anualidade de 8 millóns de euros e na que se recibiron 139 solicitudes

  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro salientou que Galicia lidera o desenvolvemento destas axudas e destacou papel dos GALP na dinamización das zonas costeiras

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Pesca, Susana Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento o desenvolvemento da primeira convocatoria das axudas dirixidas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) por parte da Xunta ao abeiro do fondo europeo Fempa.  A representante da Consellería do Mar detallou que nesta anualidade asignáronse 8 millóns para financiar os proxectos no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) de cada grupo aos que se destinarán 18,4 millóns de euros ata o 2025.

A directora xeral destacou que Galicia lidera o desenvolvemento destas axudas a nivel nacional sendo a primeira en seleccionar os diferentes GALP e aprobando o 13 de decembro do pasado ano as súas estratexias o que permitiu asinar en xaneiro deste ano os correspondentes convenios de colaboración. Unha vez co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aprobou os criterios de selección para a concesión de axudas Fempa a Consellería do Mar puido proceder á convocatoria das bases reguladoras para a concesión destas axudas cuxo prazo de presentación rematou o pasado mes de outubro recibindo 139 peticións.

Por outra banda Susana Rodríguez sinalou cos oito GALP encargados de implementar as estratexias engloban 409 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das cales 97 entidades pertencen ao sector pesqueiro, que representan a máis de 13.000 persoas traballadoras do mar, poñendo en valor o papel dos grupos de acción local na dinamización das zonas costeiras.

Logo cofinanciado