A Xunta e Anfaco reforzan a promoción e a competitividade da industria conserveira galega cun novo convenio para 2026

15 de Xaneiro de 2026

O acordo permitirá impulsar a comercialización, a internacionalización e a valorización das conservas e dos produtos do mar
 

  • A colaboración consolida unha alianza estratéxica co sector conserveiro, clave para o emprego e o liderado industrial de Galicia

A conselleira do Mar asinou hoxe un novo convenio de colaboración coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Peixes e Mariscos – Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (Anfaco-Cytma) para o ano 2026, co obxectivo de seguir fortalecendo a competitividade, a promoción e a proxección exterior da industria conserveira galega, un dos piares da cadea mar-industria da comunidade.

O acordo, que contempla un investimento total de preto de 400.000 euros cofinanciados pola Xunta de Galicia, o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e pola entidade sectorial, permitirá desenvolver ao longo do exercicio un conxunto de actuacións orientadas a fomentar o seu consumo e reforzar a presenza das conservas galegas nos mercados, mellorar a súa visibilidade e poñer en valor a calidade, seguridade alimentaria e capacidade innovadora do sector.

A conselleira do Mar, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, destacou que esta colaboración contribúe a consolidar un modelo industrial baseado no valor engadido, na innovación e na internacionalización, ao tempo que apoia un sector estratéxico que xera miles de empregos directos e indirectos e proxecta a marca Galicia a nivel global. Neste sentido, subliñou o papel de Anfaco-Cytma como interlocutor clave do sector e como axente tractor de iniciativas que fortalecen a competitividade das empresas transformadoras.

O convenio tamén responde á necesidade de adaptar o sector ás novas tendencias de consumo, avanzar na diversificación de mercados e reforzar a conexión co consumidor final, apostando por formatos, mensaxes e canles acordes cunha demanda cada vez máis esixente e informada. O acordo inclúe a organización de encontros profesionais e xornadas técnicas, accións de promoción gastronómica e experiencial, campañas dixitais dirixidas a distintos públicos, elaboración de materiais divulgativos, así como a presenza coordinada da industria conserveira galega en feiras e eventos internacionais estratéxicos para a apertura de novos mercados.

Este novo convenio dá continuidade á cooperación mantida entre a Xunta e Anfaco-Cytma desde o ano 2015, período no que se mobilizaron máis de 1,6 millóns de euros para accións de promoción, comercialización e apoio á internacionalización do sector conserveiro galego, consolidando a Galicia como referente mundial na transformación de produtos do mar.

Logo cofinanciado