Xunta e Arvi afondan no impulso do sector marítimo-pesqueiro

22 de Xaneiro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, puxo en valor a aposta da Consellería pola formación como mecanismo para a profesionalización dos traballadores do mar e asegurar o relevo xeracional

Xunta e Arvi afondan no impulso do sector marítimo-pesqueiro

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse este xoves cos representantes da Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), co fin de analizar a situación actual do sector pesqueiro e os principais desafíos aos que se enfronta. Neste senso, a directora xeral puxo en valor o papel estratéxico da entidade viguesa como unha das principais organizacións empresariais do sector a nivel europeo, destacando a súa contribución á economía galega, á xeración de emprego e á defensa dunha pesca sostible e responsable.

Deste xeito, no encontro as dúas partes abordaron cuestións clave para impulsar a profesionalización e cualificación dos traballadores do mar e, de forma paralela, asegurar a remuda xeracional. A este respecto, Suárez citou a novidosa orde de axudas de formación que vén de poñer en marcha o Goberno galego para o presente ano. Por primeira vez, serán de concorrencia non competitiva, e están deseñadas para que poidan ser pedidas conforme as vaia necesitando o sector ao longo do ano, ata o 20 de outubro. Contan cun investimento de 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).

O obxectivo, explicou, é promover as condicións para un sector pesqueiro rendible e competitivo, mediante a mellora das capacidades para impulsar o desenvolvemento profesional e a mellora das condicións laborais. Estas achegas tamén teñen como finalidade facer máis atractivo o sector, promover un uso máis eficiente dos recursos e xerar unha maior sensibilización e respecto polo medio mariño.

Con esta xuntanza, a dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro dá continuidade a un dos principais obxectivos da Consellería que dirixe Marta Villaverde, como é manter o diálogo permanente co sector e o apoio a iniciativas que garantan o seu futuro.

Logo cofinanciado