A Directora Xeral de Pesca, Innovación e Acuicultura, Patricia García, mantivo unha xuntanza de traballo con representantes de Conxemar para seguir afondando en posibles vías de colaboración que impulsen a comercialización dos produtos conxelados.
O encontro tamén serviu para abordar as principais liñas de traballo que esta asociación ten marcha nesta área produtiva, así como o desenvolvemento da próxima feira que se vai celebrar a comezos de outubro, e na que haberá máis de 700 expositores procedentes de 46 países.
A Consellería e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores dos Produtos da Pesca e da Acuicultura manteñen unha intensa colaboración que se reflicte no convenio asinado polas dúas partes para a realización de distintas accións encamiñadas ao impulso no mercado deste tipo de produtos. Esta colaboración conta cunha aportación da Xunta de 605.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), aos que se suman outros 605.000 aportados por Conxemar.
Deste xeito, a Administración autonómica favorece o crecemento do sector e que Galicia manteña o liderado no territorio nacional. A comunidade aporta máis do 50% da facturación dos produtos do mar conxelados en España e aglutina tamén a máis da metade das empresas deste réxime.