Alfonso Villares supervisou os traballos deste proxecto cuxo prazo de execución finalizará no 2026
-
A acción enmárcase na estratexia da Consellería que busca mellorar as poboacións naturais deste recurso, mellorando a súa biodiversidade e a saúde do recurso explotado
-
A rula ferrolá obtivo unha facturación récord da serie histórica na venda de ourizo de mar que alcanzou o pasado ano os 108.000 euros pola venda de preto de 8.800 quilos de produto, a mellor cifra desde o 2016
-
En 2024, o departamento autonómico tamén apoiou a sembra nesta Ría de 882.000 individuos de ameixa xapónica, que permitiron a rexeneración de máis de 8.700 m2
A Xunta de Galicia mellora a biodiversidade e a saúde do stock de ourizo explotado, incrementando a súa densidade en determinados bancos marisqueiros que amosan unha baixa densidade como sucede nalgún caso dos da Ría de Ferrol. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, supervisou este venres os traballos de semente de 5.000 das 20.000 unidades que o seu departamento, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, achegará en total á Confraría de Pescadores deste municipio para levar a cabo esta repoboación.
A acción, que abarca unha superficie de 400 metros cadrados, correspondente ás zonas Punta dos Castros e O Portiño-Cabo Prior, enmárcase no proxecto que busca mellorar as poboacións naturais deste recurso, caracterizado por un crecemento lento e, por tanto, por ser máis sensible a un sobre esforzo.
O titular de Mar destacou como liña prioritaria do Goberno galego o investimento na rexeneración e repoboación de especies de interese comercial para o sector nas zonas produtivas. Deste xeito afóndase na diversificación da explotación dos recursos mariños dun xeito sostible contribuíndo tamén a mellorar a rendibilidade e resiliencia da actividade pesqueira na comunidade. Nesta liña, puxo en valor que a lonxa de Ferrol obtivo unha facturación récord na serie histórica na venda de ourizo que alcanzou o pasado ano os 108.000 euros pola venda de 8.800 quilos de produto, a mellor cifra desde o 2016.
Co-financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), a iniciativa desenvólvese en dúas anualidades. Na primeira, a executada este ano, seleccionáronse as zonas de sementeira mediante unha mostraxe previa, na que se estudou a batimetría, o grao de abrigo refuxio, a densidade de adultos e a presenza de algas, para logo realizar os traslados e garantir a densidade mínima de adultos. Na segunda, prevista para 2026, e unha vez obtidos os resultados da sementeira de aproximadamente o 25% dos individuos totais, procederase á distribución das unidades restantes.
Apoio ao marisqueo
A Consellería que dirixe Villares mantén unha colaboración constante cos pósitos da Ría de Ferrol no senso da rexeneración dos bancos de libre marisqueo. O pasado ano, e co obxectivo de incrementar tamén o stock comercial de moluscos bivalvos, sementáronse nesta zona 882.000 individuos nunha superficie de 8.738 metros cadrados, repartidos do seguinte xeito: uns 4.517 na enseada de Caranza e uns 4.221 no dique de Navantia, en Fene.