O titular de Mar informou de que a finalización da obra está prevista para finais do vindeiro mes de novembro
-
Portos de Galicia destinará a obras nas dársenas da Costa da Morte arredor de 1,4 millóns de euros o próximo ano
-
Alfonso Villares defende a lei do litoral autonómica como a mellor das ferramentas para velar polo porvir da cadea mar-industria
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir preto de 372.000 euros nas obras de mellora do edificio da lonxa de Portocubelo, no municipio coruñés de Carnota. Así o comunicou está mañá o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, nunha visita ao porto de Lira na que estivo acompañado polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez.
O conselleiro do Mar comprobou o desenvolvemento das obras de rehabilitación e mellora do inmoble, que se atopan en execución. Os traballos consisten na mellora integral do edificio, abarcando a estrutura, envolvente e instalacións interiores, para a súa rehabilitación e prolongación da vida útil.
Para este fin actúase en numerosos aspectos construtivos, entre eles, todos os elementos de formigón deteriorados, a estrutura metálica -con tratamento antioxidante e impermeabilizante- e a substitución da cuberta por panel tipo sándwich.
Ademais, renóvase a fachada de madeira vista e repóñense as varandas das terrazas, así como as carpinterías. Finalmente construirase unha nova terraza impermeabilizada e dotarase ao edificio de novas luminarias e acometida de auga soterrada. En relación á fin de obra, o conselleiro indicou que se estima para finais de novembro.
Este investimento responde á estratexia da Consellería do Mar de contribuír a fomentar a competitividade e viabilidade das empresas do sector, coa inclusión da pesca costeira artesanal, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e traballo.
De feito, para os próximos anos elaborouse un novo Plan de Equipamentos Pesqueiros nos Portos de Galicia horizonte 2030, que define as liñas de traballo nos investimentos en equipamentos pesqueiros no sistema portuario galego dentro do programa operativo do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), cun investimento previsto próximo aos 35 millóns de euros.
O conselleiro do Mar tamén aproveitou para defender, unha vez máis, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Goberno central en funcións, reclamando que se rectifique a decisión e que a norma galega volva a estar plenamente en vigor, pois é a mellor ferramenta para defender ao conxunto de Galicia e a toda a actividade produtiva do sector marítimo-pesqueiro.
Orzamentos 2024
Durante a súa visita a Carnota, Alfonso Villares puxo en valor os Orzamentos 2024 da Xunta, os máis altos da historia ao acadar os 13.257 millóns de euros, que inclúen tamén un gasto social nunca visto que acada os 9.800 millóns de euros. Tamén destacou o esforzo inversor da Consellería do Mar na Costa da Morte nestas contas, nas que Portos de Galicia prevé mobilizar 1,4 millóns de euros para o vindeiro ano na comarca.
Entre os principais proxectos que se contemplan destaca a remodelación dos departamentos para exportadores en Malpica, con 363.000 euros previstos para 2024; a reposición da cuberta e acondicionamento do edificio de departamentos de Fisterra, con 325.000 euros; a dragaxe do porto de Camelle, con 157.000 euros; ou a reposición da envolvente da fábrica de xeo de Muxía, cunha anualidade de máis de 130.000 euros.
O conselleiro destacou que en total, as partidas contempladas nos orzamentos do vindeiro ano na Costa da Morte comprometen actuacións con investimentos plurianuais que suman case 15 millóns de euros.