O conselleiro do Mar e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro presentaron esta ambiciosa iniciativa
-
O documento xorde do diálogo e do consenso cos colectivos implicados e está dirixido a impulsar a súa produtividade e a garantir a súa rendibilidade
-
Inclúe medidas concretas para a rexeneración dos bancos marisqueiros, máis control e vixilancia ou a creación da plataforma de vendas
-
Villares lamenta que, mentres a Xunta cumpre, o Goberno continúe sen declarar as rías galegas zona catastrófica, o que permitiría destinar máis axudas que compensasen as perdas económicas do sector ou eximilo das cotas á Seguridade Social
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e dos representantes da Federación Galega de Confrarías, presentou o Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, que permitirá mobilizar 123 millóns de euros para reactivar o sector, recuperando a súa produtividade e garantindo a súa rendibilidade.
Deste xeito, a administración autonómica cumpre a palabra dada en febreiro cando dende a Consellería se adiantaba a creación e posta en marcha desta ambiciosa iniciativa que xorde, precisamente, do traballo levado a cabo nos últimos meses e do consenso e do diálogo co sector. Neste senso, o titular de Mar destacou que se trata dun documento vivo e que será adaptado en función das necesidades que poida ter o colectivo no futuro.
O Plan, ao detalle
Este instrumento permite así facer fronte á situación excepcional acontecida no último trimestre de 2023 por mor das intensas chuvias e temperaturas anómalas que provocaron unha importante salinidade das augas e, en consecuencia, que a mortaldade de moluscos chegase ao 80% nalgúns bancos marisqueiros e especies, e que a caída da facturación se situase no 57% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.
Financiarase con fondos da Consellería do período 2023-2025 e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), a través do Programa Operativo 2021-2027. Así, só a garantir a sustentabilidade do sector, destínanse 63 millóns de euros. Este apartado inclúe a análise de solucións técnicas que contribúan a desenvolver solucións ante a caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías, ademais de medidas que permitan a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, como a vixilancia dos bancos marisqueiros ou a contratación de asistencia técnica para a súa protección e recuperación que contemple a recollida do lixo mariño.
A planificación, adecuación e mellora das zonas de produción, coa rexeneración de bancos danados; a formación marítimo pesqueira; o fortalecemento da colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos (Redemar); o reforzo do labor do Intecmar, do CIMA e de Gardacostas; ou a constitución da mesa do marisqueo, integrada por persoal científico dos centros de investigación mariña autonómicos, persoal técnico dos centros directivos e os biólogos de zona da Consellería do Mar; son outras das actuacións que contempla o Plan nesta área.
En materia de competitividade, dotada con 60 millóns de euros, executaranse diversas accións que repercutan directamente nunha mellora da rendibilidade do sector tales como a investigación na mellora na produción de semente ou en como facer as especies mais resistentes á baixa salinidade. Neste senso, tamén se traballa para complementar e diversificar as especies resilientes aos cambios ambientais; á vez que se traballará para incrementar o valor das actividades posteriores á captura na creación dunha plataforma de vendas; ou o fortalecemento da colaboración coas entidades asociativas (proxectos GALP, plan de equipamentos portuarios, convenios coas Federacións das Confrarías de Pescadores, un estudo sobre o seguro de produción, etc).
O obxectivo é promover a cogobernanza a través dunha coxestión dos recursos, no marco de asesoramento e colaboración entre o sector e os organismos científicos e investigadores.
Implicación doutras administracións
A Xunta de Galicia cumpre así o compromiso asumido co sector, en contraposición coa escasa implicación doutras administracións, como é o caso do Goberno central. Por este motivo, o conselleiro, e en defensa dos mariscadores, volveu a pedir ao Executivo estatal que corrixa o agravio cometido coa comunidade galega ao no declarar as súas rías zonas afectadas gravemente pola situación de emerxencia derivada da meteorolóxica adversa de finais de ano. E é que ter a colaboración do Goberno permitiría habilitar máis axudas que permitirían compensar as perdas económicas pola mortaldade severa nas poboacións de bivalvos, cubrir a diminución dos ingresos pola baixa produción ou eximir cotas á Seguridade Social aos traballadores afectados.