A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na presentación desta iniciativa impulsada polo Goberno galego e coordinada polo GALP Ría de Pontevedra
-
A iniciativa busca xerar novos ingresos ao sector, ofrecendo experiencias turísticas auténticas aos visitantes
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou este venres na presentación do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, impulsado pola Consellería do Mar e levado a cabo baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra.
Este proxecto nace co obxectivo de estender a todas as comunidades costeiras galegas a promoción das actividades da pesca vinculadas ao turismo mariñeiro, tomando como exemplo o modelo desenvolvido no proxecto Mar das Illas, posto en marcha nas Rías Baixas e na contorna do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que formou a máis de 250 profesionais do mar, impulsando novas vías de traballo nesta materia.
Mar e Rías Pesca&Turismo busca ofrecer ao sector pesqueiro novas fontes de ingresos, a través da xeración de experiencias turísticas auténticas que contribúan, en paralelo, á redución do esforzo pesqueiro e ao equilibrio entre actividade extractiva e conservación. Neste senso, o proxecto tamén promove prácticas respectuosas co medio mariño, fomentando o coñecemento, respecto e coidado dos ecosistemas costeiros.
Actuacións
Estes obxectivos conseguiranse co desenvolvemento de diversas actividades que se poñen a disposición das persoas que forman parte do sector pesqueiro e acuícola de toda a costa galega. Porén, o proxecto contempla talleres de emprendemento, cursos de formación en cada territorio e titorías personalizadas para acompañar ao sector na creación de produtos turísticos mariñeiros sólidos e seguros. A este respecto, abordaranse conceptos como a adaptación das embarcación ás esixencias de prevencións de riscos laborais, a adecuación dos barcos para uso turístico ou novas vías de comercialización, entre outros.
Posteriormente, os GALP seleccionarán as mellores experiencias creadas polo sector para seren presentadas e difundidas á cidadanía. Ademais, crearase unha oferta formativa complementaria de tres cursos en liña, entre eles un de iniciación ao inglés turístico, que permanecerán abertos durante seis meses para favorecer a participación do conxunto do sector pesqueiro galego.
Como peche do proxecto celebrarase unha Xornada Internacional de Turismo Pesqueiro, centrada na análise dos avances acadados, a situación actual do turismo.
O proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) nun 70% e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia nun 30%.
