A Xunta promove unha Aula do Mar na Confraría de Arcade, destinada a impulsar e dar visibilidade á actividade pesqueira da zona

17 de Outubro de 2025

Marta Villaverde participou na presentación do proxecto

  • Será un espazo de comunicación transversal no que o sector poderá adquirir e compartir coñecementos entre o persoal técnico e científico e a propia veciñanza

  • Esta iniciativa inclúese nas 36 que desenvolve o Galp Ría de Vigo-A Guarda desde 2023 e que financia a Consellería con 2,6M€, a través do Fempa

A confraría de pescadores Virxe do Carmen de Arcade albergará unha Aula do Mar, no marco dos proxectos promovidos pola Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local (Galp) Ría de Vigo-A Guarda.

A conselleira do ramo, Marta Villaverde, acompañada do delegado territorial da Administración autonómica en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu á presentación deste proxecto, co que se dota a esta vila costeira dun espazo de comunicación transversal no que o sector poida adquirir e intercambiar novos coñecementos entre o persoal técnico e científico e a propia veciñanza en áreas como a xestión dos recursos mariños, a loita contra a contaminación ou o cambio climático.

Esta dependencia servirá tamén como plataforma para a posta ne valor dos oficios tradicionais, dándolle valor á funcionalidade da pósito como entidade pesqueira local. Ademais, será un escaparate para visibilizar o traballo realizado polas mulleres armadoras, tripulantes e mariscadoras da entidade, e para divulgar os produtos que vende esta entidade, especialmente aqueles vinculados historicamente á zona, como é o caso da ostra e da anguía.    

Asemade, este espazo empregarase  para realizar actividades que acheguen o sector pesqueiro e marisqueiro ás xeracións mozas, así como para o desenvolvemento de eventos de concienciación con alumnos de centros educativos do concello que amosen a importancia da confraría como ente dinamizador da economía da localidade. 

2,6M€ desde 2023

O GALP Ría de Vigo-A Guarda é un dos oito Grupos de Acción Local Pesqueira creados pola Consellería do Mar para vertebrar e impulsar o litoral galego. Aglutina a un total de 40 entidades sociais vinculadas ao sectores pesqueiro, económico e público, e a 11 concellos (Cangas, Moaña, Vilaboa Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán O Rosal, Oia Baiona e A Guarda).

Desde 2023 está a desenvolver 36 proxectos para os que recibiu da Xunta, a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa),  2,6 millóns de euros, sendo o presentado hoxe un deles.

Logo cofinanciado