A Xunta publica dúas ordes de axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros por valor de 2,2 M€

01 de Xaneiro de 2026

A través destas iniciativas, Mar financiará proxectos destinados á protección dos ecosistemas mariños e a biodiversidade
 

A Xunta publica dúas ordes de axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros por valor de 2,2 M€
  • Máis de 70 entidades asociativas dedícanse á actividade marisqueira en Galicia, acadando, no último ano, unha produción superior ás 5.100 toneladas

O Diario Oficial de Galicia publicará este venres dúas ordes de axudas destinadas á rexeneración de bancos marisqueiros, que estarán dotadas con 2,2 millóns de euros.

A primeira, cifrada en 1,9 millóns, e cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e a segunda, con 300.000 euros, sufragados ao 100 % con fondos propios da Consellería do Mar, están destinadas a promover a elaboración e desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en prol das poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Deste xeito, ao abeiro destas iniciativas, serán subvencionables actuacións relacionadas coa restauración da biodiversidade e dos ecosistemas, incluídos os bancos naturais, zonas de cría e reprodución das especies. Tamén serán obxecto destas convocatorias aquelas actividades que impliquen a redución da contaminación física e química, as medidas de conservación positivas, así como as actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que dificulten a reprodución dos organismos mariños.

Beneficiaranse das mesmas as confrarías de pescadores e federacións destas, as organizacións de produtores e as entidades asociativas do sector.

O marisqueo en Galicia

Galicia conta con máis 3.000 permisos de explotación de marisqueo a pé, preto de 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e con 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos.

É unha actividade que desenvolven máis de 70 entidades asociativas e, no último exercicio, acadou unha produción superior ás 5.100 toneladas, alcanzando un valor no mercado superior aos 62 millóns de euros.

Logo cofinanciado