A Xunta publicará en xaneiro as axudas para proxectos das estratexias de desenvolvemento local participativo, dotadas con preto de 7,8 M€

23 de Decembro de 2025

Trátase de dúas novas convocatorias, cofinanciadas polo Fempa, e implementadas polos GALP
 

  • Estas achegas xa permitiron a execución de máis de 340 proxectos, cun investimento total que supera os 46 M€

A Xunta, a través da Consellería do Mar, publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a mediados de xaneiro as dúas novas convocatorias de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) implementadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), dotadas con 7.750.000 euros.

Así llelo trasladou este martes a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez,  aos Grupos de Acción Local, no marco dunha xuntanza na que se detallou que se trata duns apoios de carácter plurianual, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e na que tamén se fixo balance das convocatorias anteriores.

Neste senso, a primeira das ordes, conta cun importe de 6,9 millóns de euros e corresponde á cuarta edición dunha convocatoria que, novamente, inclúe a exención de garantías na realización de pagos a conta aos beneficiarios das axudas.

Trátase duns apoios que, segundo destacou Vázquez Súarez, contribúen ao obxectivo europeo de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas. Tal é así, que, entre os seus obxectivos, está afondar na mellora das condicións de traballo, na creación de emprego, no reforzo da innovación no conxunto da cadea de produción e subministración de produtos da pesca e a acuicultura, no fomento da economía azul ou o aproveitamento do patrimonio cultural e medioambiental.

Nas tres convocatorias anteriores, aprobáronse 339 proxectos cun investimento total de case 46 millóns de euros, dos que 25 millóns foron en concepto de axuda pública e 21 millóns de financiamento privado. O 41 % deste esforzo inversor estivo destinado á valorización dos produtos, o 31 % á diversificación dos mesmos, o 25 % á difusión do patrimonio sociocultural e medioambiental e o 3 % á gobernanza.

Son beneficiarias destas axudas, entre outras entidades, as confradías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións, entidades públicas locais, así como pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica con domicilio fiscal e social en Galicia. 

A outra orde -proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP-, conta cun orzamento de 850.000 euros. Neste caso, é a segunda convocatoria de carácter bianual referíndose a iniciativas que se poden executar nos anos 2026 e 2027. Na primeira edición aprobáronse un total de 3 proxectos cun importe da axuda pública de 529.254 euros.

Esta orde ten como beneficiarios aos Grupos de Acción Local Participativo que participen nun proxecto destas características, e que concorran as axudas de xeito individual ou conxuntamente entre eles como unha agrupación de entidades.

Logo cofinanciado