O conselleiro do Mar e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro analizaron estas achegas coas Federacións de Confrarías de Pescadores
- Enmarcadas dentro do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia 2024-2025, están destinadas a apoiar esta actividade como elemento tractor na economía do sector do mar
- O encontro, que dá continuidade ao contacto permanente e periódico da Consellería do Mar cos representantes desta entidades sectoriais, serviu tamén para repasar as accións a levar a cabo nos últimos meses do ano
A Xunta de Galicia publicará a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) axudas destinadas ás mariscadoras a pé e á rexeneración dos bancos marisqueiros, dotadas con 1.550.000 euros. Así o abordaron coas Federacións de Confrarías de Pescadores o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, nunha reunión de traballo celebrada este venres na propia Consellería do Mar.
Deste xeito, este luns, 12 de agosto, publicaranse as achegas destinadas a apoiar a actividade marisqueira como elemento tractor na economía do sector do mar. En total, 1.250.000 euros para as persoas mariscadoras a pe afectadas pola implantación da veda temporal derivada dos graves acaecementos ambientais do último trimestre de 2023; o que provocou unha ausencia de ingresos no tempo destes peches dos bancos. Desta importante orde de axudas, co-financiadas nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2017, poderanse beneficiar as persoas mariscadoras a pé das confrarías de pescadores de Cariño, Noia, Rianxo, Cabo de Cruz, Vilanova de Arousa, Carril, Lourizán, Raxó, Pontevedra, Redondela, Arcade, Vilaboa, así como a Asociación de mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio.
As destinadas á rexeneración dos bancos marisqueiros publicaranse o martes, 13 de agosto, e dispoñen dun orzamento de 300.000 euros. Teñen por obxectivo mellorar a produtividade, a xestión e a conservacións dos recursos mariños.
Folla de ruta dos próximos meses
O encontro enmarcouse na rolda de encontros que o responsable autonómico e os distintos directores xerais están a levar a cabo co sector de xeito permanente e periódico, co fin de dar unha resposta eficaz e útil ás súas necesidades. Neste senso, tamén serviu para repasar as accións a levar a cabo no último trimestre do ano.