A Xunta reforza o apoio ao sector pesqueiro e salienta a fortaleza da Mariña de Lugo como referente a nivel estatal

15 de Febreiro de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica mantivo encontros cos responsables do pósito burelao, da OPP-7 Porto de Burela e ABSA 
 

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou esta semana a Confraría de Pescadores de Burela, a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e a empresa ABSA, co obxectivo de coñecer de primeira man a actividade que desenvolven e abordar cos seus responsables as principais necesidades do sector.

Durante a xornada, o director xeral percorreu as instalacións portuarias e interesouse pola evolución da actividade neste porto pesqueiro, que destaca tanto en volume como en valor das descargas. A Mariña conta con Burela e Celeiro entre os principais peiraos autonómicos e son referentes a nivel estatal en descarga de peixe fresco, con especies como a pescada, o bonito do norte, o xurelo ou a xarda, entre as máis destacadas.

Na reunión cos representantes da confraría, da OPP-7 e de ABSA analizáronse cuestións clave como a necesaria flexibilización dalgúns aspectos normativos para adaptalos á realidade da frota e a importancia de avanzar en medidas que favorezan a remuda xeracional, garantindo a continuidade dunha actividade estratéxica para a Mariña lucense.

Rosón puxo en valor o traballo desenvolvido pola OPP-7, entidade de referencia na planificación da produción e na mellora da comercialización, que vén impulsando accións de innovación, formación e promoción co apoio da Xunta a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Así mesmo, destacou o esforzo da Consellería do Mar en materia formativa, tanto a través dos centros propios como mediante as ordes de axudas ás confrarías, que permiten impartir cursos profesionais que contribúen á cualificación laboral e á incorporación de novos perfís ao sector.

O director xeral reiterou o compromiso da Xunta co avance dos portos de Galicia e, neste caso, nos da Mariña, que nos últimos anos recibiron importantes investimentos en infraestruturas e melloras portuarias, e asegurou que a Consellería seguirá mantendo unha escoita activa co sector para dar resposta ás súas demandas e reforzar a competitividade da frota galega.

Logo cofinanciado