A Xunta reforza a súa aposta pola economía azul ampliando o período de financiamento dos GALP con 10,2 millóns de euros ata o 2029

05 de Febreiro de 2026

A conselleira do Mar asinou as addendas aos convenios con estas entidades
 

  • Estas entidades, financiadas polo Goberno galego, agrupan aos principais axentes económicos e sociais nos seus territorios, tramitan as axudas vencelladas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo

  • Marta Villaverde destacou a contribución destes apoios ao desenvolvemento de iniciativas con gran pegada no territorio en ámbitos como a conservación do patrimonio cultural-marítimo, á creación de emprego ou a remuda xeracional

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, asinou este xoves as addendas aos convenios de colaboración cos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que permitirá estender o financiamento ao funcionamento destas entidades ata o 2029.

A Xunta mobilizará neste período de tempo un total de 10,2 millóns de euros, o que permitirá garantir a actividade destas entidades, que agrupan aos principais axentes económicos e sociais nos seus territorios, e encargadas de colaborar na tramitación dos apoios autonómicos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Unhas axudas enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) 2021-2027 polo que, sinalou a responsable autonómica, esta sinatura “permitirá unha óptima execución dos recursos comunitarios”.

A titular de Mar animou aos responsables dos GALP -como entidades colaboradoras-, a aproveitar “esta oportunidade”, enmarcando a iniciativa nos obxectivos estratéxicos do Goberno galego de “fomentar a economía azul nas rexións pesqueiras e acuícolas, divulgar o patrimonio marítimo-cultural e reforzar o papel dos distintos axentes vinculados ao sector” no desenvolvemento local e a gobernanza dos recursos e actividades marítimas.

Nesta liña, recordou a publicación o pasado mes de xaneiro de dúas ordes de axuda para financiar este tipo de proxectos dotadas conxuntamente con case 7,8 millóns de euros. Uns recursos que permitirán levar adiante novas iniciativas que se sumarán aos preto de 350 proxectos executados nas tres convocatorias do período Fempa e que supuxeron un investimento público-privado de 46,4 millóns de euros nas comunidades costeiras galegas.

Marta Villaverde destacou a contribución destes apoios ao desenvolvemento de iniciativas con gran pegada no territorio en ámbitos como a conservación do patrimonio cultural-marítimo, á creación de emprego ou a remuda xeracional. Así, os potenciais beneficiarios destas estratexias son pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e persoas xurídicas sen ánimo de lucro como as confrarías de pescadores ou outras entidades pesqueiras.

A conselleira do Mar aproveitou para animar a potenciais promotores a presentar novos proxectos ao abeiro da última convocatoria de axudas, cuxo prazo de presentación remata o vindeiro 16 de febreiro.

13.000 profesionais do mar

Para aplicar as EDLP, a Consellería do Mar seleccionou a finais do ano 2022 oito GALP: Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Seo de Fisterra-Ría de Muros e Noia, Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda.

Estes oito grupos engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das que preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Neste senso, Galicia non só foi a primeira comunidade autónoma en seleccionalos, senón que tamén en aprobar as súas estratexias e en lanzar a convocatoria de axudas.

Logo cofinanciado