A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou no Recinto Feiral de Pontevedra os espazos do proxecto de cooperación dos oito GALP galegos e do IGAFA
-
A iniciativa busca achegar á mocidade as saídas profesionais e as vías de cualificación vencelladas ao mar, incidindo no papel da FP e da FP Dual Intensiva
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe, no Recinto Feiral de Pontevedra, a 15 ª edición de EDUGAL —Salón da Educación e da Formación de Galicia e unha das citas enmarcadas na iniciativa Galicia Educa— para coñecer os espazos informativos dedicados á difusión das saídas profesionais e educativas do eido marítimo-pesqueiro. Durante o percorrido, visitou o posto do proxecto de cooperación Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, promovido conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, así como o expositor do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).
No transcurso da visita, a directora xeral destacou a importancia de achegar a ampla diversidade de itinerarios formativos e ocupacións que ofrece a cadea mar-industria á comunidade educativa, ás familias e aos equipos de orientación. Tamén subliñou que garantir a continuidade das actividades marítimas require captar novas vocacións, incorporar innovación e coñecemento técnico e consolidar emprego de calidade nas vilas costeiras, sinalando a Formación Profesional e a modalidade de FP Dual Intensiva como ferramentas estratéxicas para facilitar a incorporación de perfís cualificados a bordo da frota, nas instalacións acuícolas e nas distintas áreas auxiliares e de transformación.
O proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, coordinado polo GALP Ría de Arousa e cofinanciado a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), conta en EDUGAL cun espazo interactivo dotado de pantallas audiovisuais e dispositivos de realidade virtual —cedidos pola OPP 20 da Illa de Arousa— que permiten aos estudantes experimentar de xeito inmersivo os labores habituais no mar, xunto cun servizo de orientación personalizada sobre titulacións, certificados e opcións de inserción laboral.
Así mesmo, a directora xeral coñeceu a oferta divulgada polo IGAFA, centro dependente da Consellería do Mar con sede na Illa de Arousa e Centro de Referencia Nacional en Acuicultura e Mergullo. O instituto difunde no salón os seus ciclos formativos de grao medio e superior en cultivos acuícolas e operacións subacuáticas e hiperbáricas, acreditados con estándares internacionais e orientados a cubrir a demanda técnica das empresas e entidades investigadoras do sector marítimo.
