A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar deu conta destes avances, a petición propia, na Comisión 8ª do Parlamento
-
Marta Barreiro salientou que Galicia cumpre a regra n+3 e garante a correcta utilización dos fondos europeos no primeiro gran fito do programa
-
A comunidade é a máis beneficiada do Estado e xa mobilizou 236 millóns de euros en máis de 2.100 proxectos
-
Tamén puxo en valor que os datos acadados confirman que Galicia está a facer un uso eficaz, rigoroso e responsable deste fondo europeo
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, compareceu hoxe na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para informar do grao de execución do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) ao peche do exercicio 2025, no que Galicia acadou un nivel de certificación do 105 % respecto do obxectivo anual fixado, cun gasto certificado próximo aos 65 millóns de euros.
Este resultado permite a Galicia cumprir con éxito a primeira esixencia da regra n+3 do actual período de programación, garantindo a correcta execución dos fondos europeos dentro dos prazos establecidos pola normativa comunitaria e evitando a perda de recursos.
Desde o inicio da vixencia do Fempa, no ano 2021, Galicia leva executados arredor de 74 millóns de euros, o que supón o 21,5 % do total asignado, nun programa cuxa execución se prolongará ata o ano 2029. Estes datos reflicten un ritmo de xestión sostido e planificado, acorde cos obxectivos marcados pola Comisión Europea.
Durante a súa intervención, a secretaria xeral técnica salientou que Galicia é a comunidade autónoma máis beneficiada polo Fempa en España, cunha asignación global superior aos 366 millóns de euros, o que representa o 32,7 % do total do fondo asignado ao conxunto do Estado. Este volume de recursos responde ao peso estratéxico do sector marítimo-pesqueiro galego e á súa relevancia na aplicación das políticas europeas en materia de pesca, acuicultura e economía azul.
Ata o momento, os fondos Fempa permitiron financiar en Galicia un total de 2.171 proxectos, cun gasto público total mobilizado que ascende xa a 236 millóns de euros. Estas actuacións abranguen ámbitos clave como a modernización da frota, a mellora da seguridade e eficiencia dos buques, o apoio ás organizacións de produtores, o impulso á acuicultura, a sustentabilidade ambiental, a innovación e o desenvolvemento das zonas costeiras.
Xestión eficaz
Na súa comparecencia, Marta Barreiro subliñou tamén o esforzo realizado pola Xunta para adaptar a xestión ao novo marco normativo europeo, lembrando que 2024 foi, na práctica, o primeiro ano completo de execución do Fempa tras o peche do anterior Femp 2014-2020. Neste contexto, destacou medidas como o reforzo da estrutura administrativa, a simplificación de procedementos e a posta en marcha da rede de oficinas Es.Mar para facilitar o acceso do sector ás axudas.
A secretaria xeral técnica concluíu sinalando que os datos acadados confirman que Galicia está a facer un uso eficaz, rigoroso e responsable dos fondos europeos, reforzando a competitividade do sector marítimo-pesqueiro e a cohesión social das comunidades costeiras.
