A Xunta traslada a Acerga as novas medidas de apoio ás OPP

16 de Decembro de 2025

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica aproveitou a visita para informar da recente aprobación da orde de axudas destinada a financiar os Plans de Produción e Comercialización das Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) 
 

A Xunta traslada a Acerga as novas medidas de apoio ás OPP
  • Tamén analizou o resultado do recente acordo europeo de TAC e cotas, que recorta as posibilidades de pesca en especies de especial interese para a frota galega

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) na sede da entidade en Sada, para abordar asuntos de interese para este segmento da frota como as medidas de apoio ás organizacións de produtores ou o impacto do recorte das TAC e cotas que os ministros de Pesca acordaron en Bruxelas para o 2026.

O director xeral aproveitou a visita para informar da recente aprobación no Consello da Xunta da orde de axudas destinada a financiar os Plans de Produción e Comercialización das Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) en 2025, dotada con 3,6 millóns de euros e cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e Acuicultura (Fempa). Acerga, recoñecida como Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-82) desde o ano 2018 , está entre os potenciais beneficiarios desta convocatoria que incorpora como novidade a posibilidade de que as OPP soliciten anticipos de ata o 25 % das axudas sen necesidade de presentar garantías. Unha medida orientada a aliviar a carga financeira destas organizacións e facilitar o desenvolvemento das súas actuacións.

Rial puxo en valor o papel das OPP como ferramentas clave para a organización do sector, a planificación da produción, a mellora da comercialización e o impulso de prácticas máis sostibles e innovadoras, destacando a súa relevancia tamén para a estabilización dos mercados e a defensa da renda dos produtores.

No encontro tamén se falaron do recente acordo europeo de TAC e cotas negociado polos ministros de Pesca da UE, que foi rexeitado tanto pola Xunta como polo sector galego ao considerar que non incorpora a necesaria dimensión socioeconómica. Amosaron a preocupación polo impacto destes recortes en especies clave para o cerco, unha das frotas directamente afectadas pola redución das posibilidades de pesca, e reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir defendendo en todos os ámbitos unha xestión equilibrada que compatibilice a sustentabilidade ambiental coa viabilidade económica e social da actividade.

O responsable autonómico subliñou que a Xunta mantén un contacto permanente co sector para avaliar os efectos destas decisións e explorar vías que permitan mitigar o seu impacto, insistindo na importancia de que Galicia siga tendo voz propia nas negociacións que condicionan o futuro das súas frotas.

Logo cofinanciado