Alfonso Villares anuncia unha nova convocatoria de axudas Galp no primeiro trimestre que contará cunha dotación plurianual que alcanza os 14,6 M€

31 de Xaneiro de 2025

Visita a un proxecto beneficiario dos apoios autonómicos a través dos GALP

  • O responsable autonómico destacou o impacto dos proxectos financiados pola Consellería do Mar a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro como o desenvolvido no concello de Cabanas cunha subvención que alcanzou os 200 mil euros 

  • Esta iniciativa permitiu poñer en marcha novas Infraestruturas que complementan ao Centro de Interpretación Mariño do municipio que inciden no aproveitamento sostible do patrimonio medioambiental desta zona pesqueira 

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o proxecto ‘Promoción do litoral de Cabanas: turismo mariñeiro e navegación sostible’ desenvolto neste concello coruñés e que foi beneficiario dos apoios da Consellería do Mar despregadas a través, nesta ocasión, do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte. Alí, o responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou o impacto positivo destas accións nos municipios costeiros e anunciou que o Goberno galego publicará no primeiro trimestre deste ano unha nova orde de axudas que contarán cunha dotación plurianual de 14,6 M€ ata o 2027.

Nesta liña, indicou que entre os posibles beneficiarios estarán as confrarías de pescadores e as súas federacións, as asociacións profesionais do sector pesqueiro, entidades públicas locais, e entidades sen animo de lucro entre outras. A finalidade, segundo dixo, é impulsar proxectos que incidan na creación de emprego, promocionen a innovación, a economía azul, o patrimonio cultural marítimo ou o aproveitamento do patrimonio medioambiental.

O titular de Mar puxo en valor a iniciativa, que recibiu unha achega autonómica de 200 mil euros que permitiu poñer en marcha novas infraestruturas que complementan ao Centro de Interpretación Mariño (CIMM) de Cabanas que inciden no aproveitamento sostible do patrimonio medioambiental desta zona pesqueira. Así, este proxecto abordou a mellora e acondicionamento das zonas peonís na contorna costeira, a posta en funcionamento dunha embarcación dotada cun motor eléctrico ademais dunha infraestrutura de recarga eléctrica para embarcacións e actividades de divulgación de turismo sostible.

Alfonso Villares subliñou a aposta da Xunta polo reforzo destas liñas de axuda, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) que fan posible promocionar un modelo de desenvolvemento sostible dotando as zonas costeiras de servizos que potencien a conexión do turismo co mar. Tamén resaltou que, paralelamente, permiten dotar de maior dinamismo ás poboacións de litoral aproveitando de xeito sustentable o patrimonio medioambiental e reducindo a pegada de carbono.

Os GALP

Galicia conta con oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, que se multiplicaron para dinamizar a economía galega cun impacto superior aos 215 millóns de euros e a xeración directa ou indirecta de máis de 4.500 empregos.

O Galp Golfo Ártabro Norte agrupa a un total de 38 entidades das cales preto do 16% pertence ao sector pesqueiro, o 26% ao sector público, o 42% ao sector social e o 13% ao sector económico ademais de agrupar a dez concellos da zona: Ares, Cabanas, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume. 

Logo cofinanciado