O pósito executou obras de mellora na impermeabilización da cuberta, fachadas así como o saneado e pintado do interior da lonxa ademais de adquirir un produtor de xeo e mesas de clasificación de molusco
-
O titular de Mar destacou que na última convocatoria, ante a elevada demanda e relevancia dos portos pesqueiros, o Goberno galego ampliou o crédito en case 3,4 millóns de euros o que fixo posible financiar 47 proxectos
-
Tamén coñeceu de primeira man o desenvolvemento da campaña da vieira nesta zona da que xa se capturaron 73 toneladas, o 90% de gran tamaño, polo que os técnicos da Consellería están avaliando a posibilidade de prolongar a actividade extractiva
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a Confraría de Barallobre que foi unha das entidades beneficiarias destas achegas, con máis de 59.000 euros, que permitiron a execución da impermeabilización da cuberta da lonxa, das fachadas e ao saneado e pintado anticondensación do interior do edificio así como á adquisición dun produtor de xeo e de dúas mesas para clasificar o molusco. Alí destacou que na última convocatoria, ante a gran cantidade de solicitudes presentadas e a relevancia que teñen os portos pesqueiros, a Xunta ampliou o crédito en case 3,4 millóns de euros o que fixo posible financiar un total de 47 proxectos.
O responsable autonómico informou que en total foron cinco confrarías da comarca de Ferrol que foron beneficiarias destas axudas que agrupan a máis de 550 profesionais do mar que comercializaron 1.400 toneladas no 2024 cunha facturación de 10,7 millóns de euros. Nesta liña salientou que estes apoios súmanse a outros realizados nos últimos anos a estas mesmas organizacións para o desenvolvemento doutros proxectos.
Así, a propia Confraría de Barallobre recibiu 73 mil euros dirixidos á rexeneración do banco marisqueiro Pazo da Merced no 2022, a Confraría de Cedeira executou a instalación de paneis fotovoltaicos cun investimento de máis de 32 mil euros, e para a colocación de vestiarios por valor superior aos 37 mil euros no 2021 ou a Confraría de Mugardos recibiu de 52.000 euros para o desenvolvemento dun proxecto de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas.
A Xunta continúa avanzando na mellora dos equipamentos portuarios galegos coa concesión de novos apoios ao sector para o desenvolvemento de proxectos colectivos para a modernización e mellora das infraestruturas portuarias, nos lugares de desembarque, lonxas ou ancoradoiros, cofinanciados a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). Este ano mobilizando 9 millóns de euros co obxectivo de acadar un sistema portuario pesqueiro máis eficaz economicamente, tecnoloxicamente avanzado, socialmente integrador, enerxeticamente eficiente e que contribúa á neutralidade climática.
Campaña da vieira
O titular de Mar aproveitou a súa presenza para coñecer de primeira man o desenvolvemento da campaña da vieira que se está a desenvolver neste pósito no que no dia de hoxe se descargaron preto do tope diario de 1.700 quilos desta especie. Unha cantidade que se suma ao extraído desde o inicio da campaña o pasado 20 de xaneiro que eleva a produción ata as 73 toneladas na que participan 12 embarcacións -2 de Mugardos, 3 de Barallobre e 7 de Ferrol- que empregan a 34 tripulantes. Destaca a calidade o bo tamaño do produto, xa que o 90% supera os 13 cm de talla, polo que estase estudando polo técnicos da Consellería a posibilidade de prolongar unha semana máis a actividade extractiva ata o vindeiro 20 de marzo.