A Confraría de Ribeira recibe da Xunta máis de 82.000 euros para novos vestiarios, a construcción dun novo almacén no porto e o peche da zona do varadoiro

21 de Agosto de 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou a lonxa ribeirense onde sinalou que estes apoios autonómicos súmanse aos case 460.000 euros investidos na adquisición de dúas carretillas elevadoras, un carro de varada e unha unidade de pesaxe automático

  • Ángeles V. Suárez puxo en valor a colaboración co sector no ámbito formativo cunha liña de axudas bianual de 1,5 millóns de euros que permitiu a realización de 97 cursos este ano, dos cales 19 foron celebrados en Ribeira

  • A responsable autonómica mantén unha intensa axenda de visitas ás confrarías galegas co obxectivo de abordar as necesidades singulares dos traballadores do mar das distintas zonas do litoral galego

A Confraría de Pescadores de Ribeira recibe este ano máis de 82.000 euros ao abeiro das axudas para a mellora dos equipamentos portuarios da Consellería do Mar, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa). A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou a lonxa da localidade coruñesa onde destacou que estes apoios autonómicos permitirán a mellorar a seguridade e condicións de traballo dos profesionais do mar coa dotación dunha caseta desmontable para vestiario das persoas mariscadoras. Tamén a construción dun novo almacén no porto así como o peche da zona do varadoiro.

A directora xeral recordou que estas achegas dan continuidade aos investimentos realizados nos últimos anos por valor de case 460.000 euros para a adquisición de dúas carretillas elevadoras, un carro de varada automotor semisumerxible e unha unidade de pesaxe automático para cefalópodos con plataforma de elevación motorizada. Unhas actuacións que permitiron afondar na competitividade da actividade pesqueira, estratéxico para a comunidade, que por cada emprego en mar xera entre 7 e 10 en terra. Nesta liña, puxo en valor que estas iniciativas exemplifican o éxito da colaboración entre a Administración autonómica e o sector.

Ángeles V. Suárez aproveitou a súa presenza en Ribeira para visitar o curso de Formación Básica organizado pola Confraría e financiado pola Consellería do Mar no que están participando 13 persoas. A responsable autonómica destacou que este ano esta prevista a realización de 97 accións formativas por parte de entidades sectoriais ao abeiro da orde de axudas bianual da Xunta dotada con 1,5 millóns de euros. Destas, 19 tiveron lugar na localidade con cursos como a actualización do Avanzado en Loita Contra Incendios, Formación Sanitaria Específica Inicial, de Mariñeiro de Ponte, de Maquinas ou Pescador, beneficiando ao redor de 290 profesionais.

Na visita, a directora xeral tamén abordou cos representantes do sector as principais necesidades específicas da actividade pesqueira nesta zona do litoral galego. O encontro da continuidade á intensa axenda de contactos da responsable autonómica coas confrarías da comunidade no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión marítimo-pesqueira na comunidade.

Logo cofinanciado