A Consellería colabora coa Confraría de Pescadores de Redondela na conservación e restauración ecolóxica dos bancos marisqueiros desta zona

27 de Marzo de 2025

Villares supervisa os traballos de remoción do substrato nas zonas produtivas de A Barra, A Punta do Cabo e O Regato

  • O obxectivo, segundo adiantou o titular de Mar, é garantir a capacidade produtiva destas zonas e así favorecer a súa  viabilidade económica, social e ambiental

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, supervisou este xoves os traballos de remoción do substrato que a Consellería do Mar está a levar a cabo en colaboración coa Confraría de Pescadores de Redondela nas zonas produtivas de A Barra, A Punta do Cabo e O Regato, e que se enmarcan no programa autonómico de conservación e restauración ecolóxica dos bancos marisqueiros das rías de Galicia, dotado con máis de 1,3 millóns de euros, co-financiados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

O obxectivo, segundo adiantou o titular de Mar, é garantir a capacidade produtiva destas zonas e así favorecer a súa viabilidade económica, social e ambiental. No caso concreto da remoción do substrato, os traballos, que se prolongarán durante catro días,  consistes no gradeo en toda a superficie delimitada, con pasadas tanto en sentido lonxitudinal como transversal para asegurar a rotura do terrón do sedimento e, polo tanto, mellorar a descompactación do terreo, buscando a aireación do mesmo. A superficie na que se actúa ocupa unha extensión de 14.400 metros cadrados.

Diversidade biolóxica mariña

O litoral galego conta cunha abundante relación de hábitats naturais diversos que acollen unha rica representación de flora e fauna. A elevada variedade tradúcese nunha importante diversidade biolóxica mariña. A rede de espazos naturais protexidos ocupa o 13 % do territorio de Galicia. En particular, a Rede natura 2000 suma 59 lugares de interese comunitario (LIC) e 16 zonas de especial protección de aves (ZEPA). Ademais destes espazos existen zonas de especial interese marisqueiro caracterizados pola súa alta sensibilidade e difícil recuperación do seu equilibrio físico.

Nos espazos e zonas mencionadas, a xestión sostible dos recursos marisqueiros, enmarcase en plans de explotación e xestión, nos que se desenvolven medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. Sen embargo, para garantir a viabilidade económica, social e ambiental do sector, é preciso realizar actuacións dirixidas á conservación e recuperación de hábitats e da diversidade como a supervisada hoxe por Alfonso Villares.

Logo cofinanciado