A Consellería do Mar puxo a disposición do marisqueiro no que vai de ano máis de 50 M€ para a recuperación da súa actividade e garantir a sostibilidade e rendibilidade do sector

06 de Novembro de 2024

Isto foi posible grazas ao Plan de Competitividade e Sostibilidade

 A Consellería do Mar puxo a disposición do marisqueiro no que vai de ano máis de 50 M€ para a recuperación da súa actividade e garantir a sostibilidade e rendibilidade do sector
  • Alfonso Villares explica no Parlamento que tamén está comprometido un gasto en distintas liñas de investigación para proxectos de mellora da resiliencia por valor de máis de 4M€

  • Remarca que Galicia é a única rexión que ofrece un sistema real de cogobernanza, a través de plans de xestión elaborados polo propio sector, que abarcan a explotación dos recursos, a organización do traballo non extractivo e a conservación dos hábitats

  • Destaca que, mentras a Xunta está a usar todos os fondos posibles para reverter os problemas do sector, o Goberno segue sen baixar o IVE do peixe e sen declarar as rías como zonas afectadas gravemente pola meteoroloxía adversa de finais de 2023

A Consellería do Mar puxo a disposición do sector marisqueiro no que vai de ano máis de 50 millóns de euros para a recuperación da súa actividade, garantir a sostibilidade e a rendibilidade deste colectivo. Isto foi posible grazas ao Plan de Competitividade e Sostibilidade, que tamén permitiu atender aos profesionais afectados pola paralización dos traballos extractivos, poñendo á súa disposición distintas liñas de axudas para a conservación, protección e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, ademais de mellorar as zonas de produción e de reforzar o labor do centros de investigación Intecmar e CIMA, de Gardacostas e a colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos como Redemar.

Tal é así que, dende outubro de 23 ata o día de hoxe, se publicaron só en materia  directamente relacionada co marisqueo, 13 Ordes de axudas. Ademais, segundo expuxo responsable deste departamento, Alfonso Villares, está comprometido un gasto para o desenvolvemento de distintas liñas de investigación para proxectos de mellora de resiliencia por valor de máis de catro millóns de euros.

Así o detallou este mércores, na Cámara do Hórreo, con motivo da interperlación presentada polo Bloque Nacionalista Galego sobre o modelo que está a seguir a administración autonómica para por en valor a actividade marisqueira.

Galicia, única rexión cun sistema real de cogobernanza

Neste senso, Villares destacou que Galicia é a única rexión que ofrece un sistema real de cogobernanza, a través de plans de xestión elaborados polo propio sector, e que abarcan dende a explotación dos recursos á organización do traballo non extractivo e á conservación dos hábitats. Así se pode comprobar, por exemplo, no recoñecemento da Rede de Seguimento, Avaliación e Apoio Local da Pesca e a Acuicultura da Comisión Europea e de Pesca (FEMP) e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

O Plan Xeral 2024-2025 de Galicia inclúe 92  plans de explotación dos recursos xerais e é o resultado dun estudo continuado da evolución destes recursos e dos ecosistemas a tres anos vista con obxectivos que favorecen o seu uso sostible a longo prazo, da mellora das rendas dos traballadores e a creación de postos de traballo e mantemento dos existentes.

Sen apoio do Goberno central

Por tanto, a Xunta de Galicia, segundo explicou o titular de Mar, é a única administración que está a usar todos os fondos posibles para intentar reverter os problemas polos que atravesa o sector, pois o Goberno central, a pesares de lle ser reclamado en diversas ocasións, segue sen baixar o IVE do peixe e sen declarar as rías como zonas afectadas gravemente pola situación de emerxencia derivada da meteoroloxía adversa de finais de 2023, prexudicando con elo aos mariscadores.

E é que esta falta de apoio provocou que non se puidesen habilitar máis axudas específicas e que permitirían compensar as perdas económicas pola mortaldade severa nas poboacións de bivalvos, cubrir a diminución dos ingresos pola baixa produción ou eximir cotas á Seguridade Social aos profesionais afectados.

Sector estratéxico para Galicia

Con todo, o conselleiro avanzou que o Goberno galego seguirá traballando da man do sector e usando tanto os fondos propios como aquelas vías de financiamento que permite a Unión Europea para estes casos, cumprindo escrupulosamente os requisitos que estas liñas de financiamento establecen para poder ser usados, pois o marisqueo, dixo, é un sector estratéxico para Galicia dende o punto de vista socioeconómico e mediomabiental.

Nestes momentos, a Comunidade conta con máis de 3.600 permisos de explotación de marisqueo a pé,  preto de 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e con 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos. É unha actividade que é desenvolta por máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, acadou unha produción superior ás 5.100 toneladas, alcanzando un valor de máis de 62 millóns de euros.

Reversión aos Concellos dos terreos porturarios

O conselleiro sinalou que se está a avanzar no proceso de desafectación das zonas e instalacións portuarias que sexan declaradas innecesarias. Así, e en aras a todar ao proceso dunha maior axilidade administrativa, explicou que este se realizará por fases, de xeito que sexa máis operativo e rápido, dado o número elevado de portos afectados. A aprobación final corresponde á Administración Xeral do Estado en Consello de Ministros, polo que os prazos dependerán da súa axilidade na tramitación.

Asemade, a declaración de innecesariedade estase a consensuar dende hai meses cos propios Concellos, pois son as entidades locais que están a solicitar a recuperación destes terreos de conexión ou interacción por considerar que xa non teñen finalidade portuaria. Nesta liña, nos vindeiros días está disposta unha reunión coa Fegamp para darlle traslado das fases previstas e solicitar a súa colaboración no proceso.

Namentres, Portos de Galicia aplica sobre estes terreos de forma estrita e única as taxas que se establecen por lei polo que non ten cabida un chamamento demagóxico a incumprir as obrigas fiscais. As derivadas da reversión serán que estes terreos deixarán de ter a consideración de portuarios, polo que non lles será de aplicación a lexislación portuaria, pasando a ser competencia directa da Dirección xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do MITECO, sendo de aplicación a tódolos os efectos, a Lei 22/1988, de 28 de xullo de Costas. Na primeira fase incluiranse os seguintes seis concellos: Bueu, Cangas, Foz, Ribeira, Vilanova de Arousa, Oleiros. É un trámite que se agara poida ser facilitado grazas á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia –paralizada nos últimos meses polo recurso do Goberno central que vén de ser anulado polo Tribunal Constitucional- que contempla un cambio no marco xurídico das ocupacións do dominio público portuario.

Logo cofinanciado