Galicia critica que o Ministerio non convocara aínda a Conferencia Sectorial de Pesca para abordar a proposta de Marco Financeiro Plurianual da Comisión

03 de Setembro de 2025

A conselleira do Mar recorda que foi solicitada no mes de xullo por seis comunidades autónomas que son receptoras de máis da metade do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura destinado a España

  • Marta Villaverde explicou que este encontro dá cumprimento ao acordado no Consello Galego de Pesca de agosto co obxectivo de facer un seguimento periódico da situación e elaborar unha folla de ruta na defensa dos intereses da cadea mar-industria galega
  • O executivo comunitario pretende fusionar diversos programas nun único macro-fondo, outorgando discrecionalidade no reparto a cada Estado membro e que supón un recorte inicial de máis do 60 % para o desenvolvemento da Política Pesqueira Común

A Xunta continúa artellando unha resposta de consenso da defensa dos intereses da cadea mar-industria galega fronte a proposta da Comisión de Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034. Con esa misión hoxe foi celebrada a primeira reunión do grupo de traballo constituído no Consello Galego de Pesca celebrado o pasado mes de agosto. O encontro estivo presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen criticou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación non convocara unha Conferencia Sectorial de Pesca para abordar unha cuestión de vital importancia para o sector.

Así o solicitaron seis comunidades autónomas (Galicia, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Cantabria e Illas Baleares), que son beneficiarias de máis da metade dos fondos destinados a España, o pasado mes de xullo sen obter resposta algunha por parte do Goberno central. Un desleixo que contrasta coa actuación do Goberno galego que desde o minuto un traballou da man do sector, mantendo un contacto constante e fluído, para o desenvolvemento dunha estratexia conxunta e sumar apoios coa finalidade de corrixir a proposta inicial no proceso de negociación do MFP.

Marta Villaverde recordou que o executivo comunitario pretende fusionar o actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa) nun macro-fondo que supón un recorte inicial de máis do 60 % dos recursos destinados ao desenvolvemento da Política Pesqueira Común (PPC). Galicia, como principal rexión pesqueira do continente, sería unha das maiores prexudicadas nun contexto especialmente complexo para esta actividade extractiva con retos como a descarbonización da frota, o impacto do cambio climático nos océanos ou a remuda xeracional, entre outros. A pretensión da Comisión é dotar de maior flexibilidade ao funcionamento dos recursos comunitarios outorgando maior discrecionalidade aos Estados membros que serán, en última instancia, os que establezan as prioridades, relegando ás rexións a meras executoras.

Documento inicial

O grupo de traballo, composto por sete membros, está integrado por representantes das principais organizacións sectoriais como a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), a Federación Galega de Confrarías, a Federación de Asociacións de Mexilloeiros de Arousa e Norte (Fepmar), o Clúster da Acuicultura de Galicia, Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Pescados e Mariscos – Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (Anfaco-Cytma), a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) e da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Nesta primeira reunión comezouse a traballar sobre un documento inicial no que se analiza con detalle a proposta actual da Comisión e o seu impacto no conxunto da cadea mar-industria e establece unha folla de ruta común para o conxunto dos axentes implicados. Esta iniciativa pretende articular unha reacción técnica e política que permita coordinar esforzos, implicar ao Goberno central neste proceso e tecer alianzas con outras organizacións e rexións marítimas para contar con voz propia no proceso de negociación. No horizonte está reverter a proposta da Comisión para que esta recolla de forma axeitada as necesidades e singularidades do conxunto do sector pesqueiro galego.

Logo cofinanciado