Galicia propón perante o Comisario de Pesca e o Ministerio unha reforma da PPC que se adapte ás necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego

29 de Abril de 2025

Villares participou no encontro do Comisario de Pesca e Océanos da UE cos conselleiros do ramo, o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e as entidades pesqueiras

 Galicia propón perante o Comisario de Pesca e o Ministerio unha reforma da PPC que se adapte ás necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego
  • O titular de Mar fai valer a que é unhas das reivindicacións máis destacadas da frota galega: un cambio normativo para que a política comunitaria sexa máis social e máis adaptada a desafíos como o clima e o relevo xeracional

  • A Xunta tamén expón unha reformulación do Fempa, no senso de que se reasignen os fondos para mellorar as infraestruturas portuarias autonómicas e se habiliten máis axudas ao marisqueo a pé afectado polos paróns temporais

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) para que esta se adapte ás necesidades da cadea mar-industria galega. Esta reforma debe incluír unha rexionalización da normativa europea e, por tanto, ter en conta as propostas e participación proactiva das autoridades rexionais na futura toma de decisións que se leven a cabo en Bruxelas neste senso.

Así o expuxo este martes na reunión mantida ao máis alto nivel polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, os responsables das comunidades autónomas do ramo, e as entidades representantes do sector pesqueiro, acuícola e das mulleres.

Deste xeito, o Goberno galego, a través do conselleiro Villares, aproveitou a primeira visita que o chipriota realiza a España dende a súa designación como comisario europeo de Pesca dentro do Executivo comunitario, para facer valer o que é unhas das reivindicacións máis destacadas da frota galega: un cambio normativo para que a PPC sexa máis social e máis adaptada a desafíos como o clima e o relevo xeracional. Cabe destacar que a española é a primeira pesqueira da Unión con 8.432 barcos, dos que 4.153 son galegos, aos que hai que engadir os 1.283 auxiliares de acuicultura.

Este encontro enmárcase na consulta pública que Europa abriu sobre a normativa europea. De feito, a previsión anunciada é que a finais do verán o Executivo comunitario presentará un informe, deixando os posibles cambios lexislativos para 2026. En definitiva, o que se propuxo dende Galicia é  unha descentralización da norma europea que permita unha xestión pesqueira eficaz e que implique unha reformulación da cooperación entre as partes interesadas e a garantía dunha participación proactiva das autoridades na toma de decisións, xunto ás institucións comunitarias, comunidade científica, representantes do sector e as ONGs.

Reprogramación do Fempa

En resposta ao intereses do sector marítimo-pesqueiro galego, Villares expuxo, en segundo termo, a importancia de reprogramar o Fondo Europeo, Martítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa), co obxectivo de que o sector do mar aproveite estes recursos dun xeito máis eficaz e produtivo, e de que os futuros investimentos alcancen a produtividade desexada. Porén, a proposta de Galicia contempla a reordenación dos fondos de xeito que, Portos de Galicia, como novo organismo intermedio de xestión no programa, dispoña de 7.081.706 euros para mellorar diversas infraestruturas portuarias que beneficiarían ás instalacións de Burela, Cobres, Fisterra, Moaña, Morás, Muros, Portosín, Portocubelo, San Cibrao, Sanxenxo e Tragove, ademais de outras actuacións de mantemento.

A paralización temporal de actividades pesqueiras é outra dos aspectos que contempla esta reorganización, pois o Goberno galego entende que se deben incluír a outros departamentos na súa xestión. Así, a proposta inclúe a reasignación de un millón de euros á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, OIX que se encargará da xestión das posibles paradas temporais do marisqueo a pé. Isto permitiría incrementar a dotación das axudas existentes ou habilitar novas achegas nesta ou en próximos exercicios, a través deste departamento.

O Fempa está dotado con 6.108 millóns de euros, sendo España, co 21,1% (1.120 millóns de euros), o principal país perceptor. Desta cantidade, o Estado reservou 233,4 millóns e deixou os 886,6 millóns para as comunidades autónomas. Nesta distribución, Galicia percibirá máis de 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías, ou o que é o mesmo, o 41,3% do total (366,2 millóns de euros).

Logo cofinanciado