Mar configura un grupo de traballo específico para defender o papel de Galicia na xestión dos fondos europeos da pesca

06 de Agosto de 2025

Marta Villaverde presidiu o Consello Galego de Pesca

  • Este equipo, no que estarán representados todos os sectores da cadea mar-industria, articulará e coordinará a fronte común

  • O Consello Galego de Pesca defende que para Galicia, como principal rexión pesqueira de Europa, resulta irrenunciable contar cun fondo específico para a pesca e cunha dotación suficiente para que o sector poida afrontar os desafíos que ten por diante

  • Instan ao Ministerio, que é quen ten as competencias directas para facelo, a aproveitar o proceso de negociación previo á aprobación do novo marco financeiro para garantir ás rexións pesqueiras a participación efectiva no deseño e execución dos fondos

  • Con esta convocatoria, a Xunta e o sector volven alzar a voz en prol de que a actividade marítimo-pesqueira non perda especificidade nin visibilidade, pois a nova proposta supón, inicialmente, un recorte do 60 % dos ingresos da UE

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu este mércores o Consello Galego de Pesca no que se acordou unha folla de ruta organizada para defender o papel de Galicia na xestión dos fondos europeos da pesca, así como a creación dun grupo de traballo específico, no que estarán representados todos os sectores da cadea mar-industria.

Este equipo articulará e coordinará esta fronte común pois, tal e como abordou este órgano consultivo, no marco do modelo de cogobernanza da xestión pesqueira, a decisión da Comisión, formada por 27 comisarios, sendo a única española a vicepresidenta executiva para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva do Executivo Comunitario, Teresa Ribera, non se axusta ás necesidades da comunidade nin en recursos, nin en estrutura.

Esta convocatoria xurde ante o posible recorte respecto ao actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura anunciado a mediados do mes de xullo, e que xerou unha profunda preocupación tanto na Xunta como no sector. De feito, así se fixo público no momento en que se coñeceu que o apoio económico ao sector marítimo-pesqueiro se podería integrar nun fondo máis amplo, o que suporía a redución do financiamento directo á pesca e, en paralelo, unha perda de especificidade e de visibilidade. Na actualidade, este marco financeiro representa o 0,5 % do orzamento total, mentres que coa nova proposta representará tan só o 0,1 %.

Un fondo específico, cuestión irrenunciable

Por tanto, para Galicia, ao igual que acontece coa PAC, e como principal rexión pesqueira de Europa, resulta irrenunciable contar cun fondo específico e cunha dotación suficiente para que o sector poida afrontar os desafíos que ten por diante e garantir así a sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro. Trátase de que esta decisión, segundo destacou a responsable de Mar, non sexa unha moeda de cambio para aplicar outras políticas, quedando o sector da pesca discriminado e prexudicado. 

E é que Galicia pode verse gravemente afectada se non se asegura unha asignación xusta e equilibrada dentro da rúbrica cohesión dos Plans de Asociación Nacionais e Rexionais (PNR), o que debilitaría o respaldo financeiro a un sector que xa afronta elevados custos operativos, escaseza de substitución xeracional, presión normativa recente e competencia internacional desigual.

Marta Villaverde insistiu en que todos os integrantes da Comisión deben evitar un ataque frontal a un dos sectores estratéxicos. Por este motivo, insistiu en reclamar e defender uns fondos para o sector pesqueiro e acuícola cunha contía definida acorde coas súas necesidades, pois a aplicación da nova proposta, implicaría a desaparición dunha estrutura que demostrou ser eficaz en termos de modernización da frota, sustentabilidade e desenvolvemento costeiro, e incrementaría a incerteza orzamentaria e territorial.

O Ministerio, organismo coas competencias para negociar

A conselleira, ao igual que o fixo hai unhas semanas coa petición ao Goberno central de convocar a Conferencia sectorial para unir esforzos a nivel institucional, volveu apelar á responsabilidade do Ministerio, que é quen ten as competencias directas para facelo, a presionar en Bruxelas e evitar esta decisión.

Considera que o Executivo estatal ten unha oportunidade extraordinaria, xa  que a proposta orzamentaria non é definitiva e implica as seguintes fases: a primeira, o Parlamento Europeo pode introducir emendas á proposta orzamentaria (2025-2026), en aras de esixir a recuperación do Fempa como fondo independente e solicitar o aumento da dotación económica mínima para pesca; a segunda, negociación co Consello da UE (2026-2027), de xeito que Estados membros como España, Francia, Portugal ou Grecia poden liderar a defensa do sector e a presidencia deste órgano pode propoñer axuste ou redistribución interna de partidas; e, a terceira, a aprobación final, polo que, de haber cambios, o texto volvería ao Parlamento para a súa aprobación definitiva.

Un tempo máis que suficiente, indicou, para artellar unha estratexia coordinada entre o sector pesqueiro, os Estados membros, a Comisión ao completo, e o Parlamento Europeo que garanta un apoio axeitado ao sector, impedindo a centralización da decisión dos fondos nos gobernos nacionais; decisión á que Galicia, como rexión altamente dependente da pesca e, por tanto, perfectamente coñecedora da realidade e das necesidades do seu territorio, se opón de xeito contundente. Neste senso, o Goberno galego pide que as comunidades sexan partícipes dos fondos tanto na elaboración, como no deseño e execución dos mesmos.

O Consello Galego de Pesca avoga así  por reforzar a capacidade de interlocución política e técnica coas institucións europeas, co fin de garantir a presenza dun compoñente galego específico nos futuros PNR, reivindicar un papel activo na definición de reformas e investimentos e asegurar que a xestión e participación interno de fondos respecte os principios de transparencia, participación e equilibrio territorial.

 

Logo cofinanciado