O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participou este luns na presentación da segunda edición da campaña impulsada por Anfaco-Cytma, en colaboración coa Xunta de Galicia, `A Matriculata`. Cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), esta iniciativa ten como obxectivo principal promover hábitos alimenticios saudables entre os universitarios.
A foodtruck `Cata a lata` percorrerá os principais campus universitarios de Galicia, ofrecendo degustacións gratuítas de conservas de peixe e marisco. Esta iniciativa non só busca achegar aos mozos a riqueza nutricional destes produtos, senón tamén demostrar a súa versatilidade na preparación de pratos sinxelos, rápidos e nutritivos. Con esta acción Anfaco-Cytma e a Consellería do Mar reforzan o seu compromiso coa promoción das conservas e produtos do mar, fomentando o benestar xeral da sociedade. A foodtruck, iniciou hoxe o seu percorrido na Campus de Santiago. Na pasada edición, visitou seis campus, con máis de 1.500 asistentes e máis de 3.000 pinchos degustados.