A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, asistiu á presentación deste proxecto, ao que a Xunta destina máis de 230.000 euros
-
O obxectivo é mellorar a produtividade do sector, facelo rendible economicamente e favorecer o uso sostible dos recursos mariños
-
Nos dous últimos anos esta especie superou os 306.000 quilos, que xeraron un volume de negocio próximo aos 5M€
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este venres na presentación do proxecto RIFA, destinado ao estudo da resposta inmune da ameixa rubia fronte a factores ambientais. Esta iniciativa, que xurde do convenio asinado pola Consellería do Mar e o e o Instituto de Investigacións Mariñas-Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), levarase a cabo en colaboración coa Confraría de San José de Cangas.
Está dotado cun investimento que supera os 230.000 euros, co-financiados nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) no marco de Redemar, e o seu prazo de execución é de tres anos. Inclúe o estudo dos parámetros ambientais máis influíntes na produción de cara a optimizar as condicións de colleita, de modo que se identifique a presenza de patóxenos e a resposta do sistema inmune desta especie a nivel celular e molecular. Trátase de mellorar a produción, co fin de conseguir as cifras necesarias que require o sector para abastecer á sociedade deste produto tan demandado.
Segundo diversos estudos, as variacións climáticas poden condicionar a supervivencia destes animais, podendo ser determinantes na capacidade de defensa fronte a potenciais patóxenos, provocando con elo que as ameixas sexan máis susceptibles a infeccións oportunistas que acaben sendo letais. Por tanto, o fin último deste programa é transferir e aplicar o coñecemento científico obtido aos problemas reais que suceden nas Confrarías, mellorando así o rendemento económico desta actividade e favorecendo o uso sostible dos recursos mariños.
Deste xeito, axudará a optimizar os recursos marisqueiros e a súa explotación, servindo tamén de base para as investigacións na marcha do cultivo desta especie en criadeiros co fin de repoboar os bancos. Preséntase como un instrumento para que os pósitos tomen medidas preventivas e decisións que axuden a preservar os recursos, dende discriminar zonas para a recollida de exemplares, regular os topes de recollida por mariscadora, seleccionar o memento da recollida, anticiparse á aparición de brotes de enfermidades infecciosas que poderían causar perdas devastadoras ou incluso, no futuro, poder chegar a realizar simulacións con todos os datos xerados que poidan ser enviados ao sector para a toma de decisións.
E é que a maior porcentaxe dos exemplares recollidos polas Confrarías non acaban nas mesas dos consumidores directamente, senón que son adquiridos en grandes cantidades polas depuradoras, onde a optimización de parámetros ambientais para un mantemento máis sostible resulta factible a diferenza do que acontece no medio natural. Estas empresas serán tamén potenciais beneficiarias, pois os resultados obtidos contribuirán a maximizar a súa produtividade.
A produción de ameixa rubia nos últimos dous anos situouse nos case 306.400 quilos, acadando un volume de negocio de 4,9 millóns de euros. En 2023 supuxo o 43% do total dos bancos de marisqueo a flote.