Mar mellora a praza de abastos de Dena converténdoa nun espazo de referencia para o comercio de proximidade vinculado á actividade pesqueira

25 de Marzo de 2025

O departamento autonómico destinou a esta actuación preto de 57.000 euros, consolidando a aposta decidida polo impulso desta zona marítima, na que a Xunta leva investidos máis de 3,4M€ nos últimos anos

  • Trátase dun proxecto GALP que permitiu a mellora da eficiencia enerxética, a accesibilidade do pavimento, facilitando con elo a actividade aos traballadores do mar que fan uso deste espazo, e a potenciación do mesmo como lugar divulgativo do patrimonio mariño

A colaboración económica da Consellería do Mar, a través das axudas dos Grupos de Acción Local (GALP), foi decisiva para mellorar a Praza de Abastos de Dena, facilitando con elo o desenvolvemento da actividade aos traballadores que acoden diariamente a ela. Concretamente, os traballos levados a cabo, e que foron supervisados este martes polo titular deste departamento autonómico, Alfonso Villares, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, incluíron a mellora dos sistemas de climatización e de ventilación, o que permitiu poñer en valor este importante espazo para o pequeno comercio e de proximidade, xa que supón un punto de encontro destacado para moitos veciños e veciñas deste municipio pontevedrés.

En total, ao abeiro desta iniciativa, a Administración autonómica, achegou preto de 57.000 euros. Os traballos consistiron, en primeiro lugar, na mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dun sistema de climatización con bomba de calor que contribúe á transición enerxética e reduce a pegada de carbono da praza; en segundo lugar, no acondicionamento do pavimento da planta baixa da praza de xeito que a mesma sexa máis accesible e cumpra a normativa nesta materia; en terceiro lugar,  contribuír á xeración de empresas e postos de traballo relacionados coa pesca e os produtos do mar; e, en última instancia, na potenciación deste espazo como lugar educativo no que divulgar o patrimonio mariño, a través de eventos, obradoiros ou exposicións que sensibilicen á cidadanía da importancia da pesca sostible e a conservación dos ecosistemas. E é que  a contorna dos Seixiños, en Dena, é o único punto no que este concello ten acceso ao mar, situándose nun lugar de alto valor ecolóxico, ao estar en zona declarada Rede Natura.

Segundo apuntou Villares, que tamén estivo acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, esta actuación é un exemplo do compromiso inversor que a Consellería do Mar ten con esta zona marítima pois, nos últimos anos, este departamento leva investidos na mesma máis de 3,4 millóns de euros, que foron destinados ao impulso da industria transformadora e comercializadora, á compensación pola paralización definitiva ou temporal da frota, e mesmo á modernización dos buques pesqueiros.

6 concellos

O GALP-RP está formado por entidades públicas e privadas da zonas costeira da Ría de Pontevedra, representativas dos sectores pesqueiro, económico e social, así como as entidades públicas locais (Concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), e colabora na xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) para desenvolver e dinamizar, dende a sustentabilidade, a zona marítimo pesqueira da ría e a súa área de influencia, contribuíndo á mellora das condicións de vida e oportunidades das comunidades, ao tempo que garante a conservación dos seus recursos mariños e do seu patrimonio natural e cultural, fomentando o seu coñecemento e posta en valor a través da implantación da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Desde 2009, ten o recoñecemento de entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión dos sucesivos fondos europeos dedicados ao desenvolvemento das zonas dependentes da pesca. Ao longo deste anos, e co financiamento comunitario, apoiou proxectos moi diversos, tales como: melloras en instalacións portuarias, tanto dedicadas á pesca como á náutica; creación e acondicionamento de rutas e itinerarios; establecementos e proxectos turísticos, tanto públicos como privados; ou xornadas de exaltación de produtos da pesca extractiva. Tamén se apostou pola cultura mariñeira, especialmente pola súa divulgación e recuperación.

 

Logo cofinanciado