Na clausura do Día do Mexillón de Galicia, que coincide co 18 aniversario da DOP
- En 2024 esta certificación incrementouse un 56% ata alcanzar as 18.700 toneladas
- O convenio coa DOP e a colaboración a través dos centros investigadores da Consellería, decisivos para que Galicia poida presumir deste alimento, de orixe 100% das rías galegas e cultivado de xeito natural, tradicional e sostible
-
A titular de Mar tamén asistiu ao pleno do Consello Regulador, o órgano colexiado de funcionamento ordinario da DOP
A Conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este martes na clausura do Día do Mexillón de Galicia que, nesta edición, coincide co décimo oitavo aniversario da Denominación de Orixe Protexida (DOP), un distintivo que concede a Unión Europea, e que fai que este produto do mar sexa o único en España en dispor deste selo de calidade. Na súa intervención, a responsable autonómica exaltou a extraordinaria importancia que ten este distintivo, situándoo como un elemento diferenciador que unifica ao sector e como ferramenta para abrir novas oportunidades de mercado.
Os datos así o avalan. En 2024 a certificación `Mexillón de Galicia` incrementouse un 56% ata alcanzar as 18.700 toneladas. Na actualidade, hai máis de 2.000 viveiros para a produción baixo este distintitivo, que representa o 61% das bateas instaladas no litoral galego. A isto hai que engadir 12 centros de depuración, 39 empresas transformadoras e máis de 120 entidades e marcas autorizadas ou en proceso de autorización para comercializar este molusco baixo o seu amparo.
O seu traballo, destacou Villaverde, permite ofrecer un produto caracterizado polo seu cultivo natural, tradicional e sostible nas rías galegas que, ademais, se vei reforzado pola acreditación conseguida polo Consello Regulador ante a Entidade Nacional de Acreditación de España (ENAC). Esta distinción de carácter internacional, e establecida en máis de 100 países, respalda o labor da DOP, outorgándolle unha fiabilidade absoluta sobre os resultados dos seus procesos de certificación.
Apoio e respaldo da Xunta
Neste senso, Marta Villaverde confirmou que a Administración autonómica seguirá apostando por esta DOP. Así o reflicten o convenio subscrito con esta entidade e financiado pola Consellería do Mar con 200.000 euros, a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa), para promoción e mellora da comercialización do mexillón certificado en 2025, ou a cooperación dos centros investigadores dependentes da Consellería; concretamente, o CIMA, o Intecmar e o Cetmar.
Un apoio ao que fixo referencia a conselleira e que fai que Galicia poida presumir deste alimento, de orixe 100% das rías galegas, pois o obxectivo do Goberno galego, segundo subliñou, é seguir impulsando medidas que revertan no crecemento e impulso do sector, aumentando a presenza do seu produto mercado nacional e internacional.
Pleno Consello Regulador
Posteriormente, a conselleira asistiu ao pleno do Consello Regulador Mexillón de Galicia, o órgano colexiado de funcionamento ordinario da DOP.