Marta Villaverde destaca a colaboración da Xunta con Interfish-España na promoción, comercialización e posta en valor dos produtos marítimo-pesqueiros

29 de Xullo de 2025

Na presentación da campaña `Conoce nuestros pescados protectores`

  • A iniciativa dada a coñecer hoxe enmárcase no convenio asinado polas dúas partes en febreiro, dotado con 400.000 euros, e financiado ao 50%

  • Dirixida á concienciación da importancia do consumo de marraxo, quenlla e peixe espada, esta acción sitúa a Galicia e á frota de palangre de superficie como provedoras no mercado internacional dunha despensa que garante a seguridade alimentaria

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este martes na presentación da campaña `Conoce nuestros pescados protectores`, impulsada pola Organización Interprofesional Pesqueira Interfish-España, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe a responsable autonómica, e das Organizacións de Produtores Pesqueiros OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar e OPP-49 Orpagu.

Esta iniciativa, que está dirixida á concienciar á poboación da importancia do consumo de peixe, preferentemente do peixe espada, do marraxo e quenlla, sitúa a Galicia e á frota de palangre de superficie como provedoras no mercado internacional de produtos de altísima calidade que son capturados de xeito responsable e sostible, garantindo con elo a seguridade alimentaria.

Enmárcase, tal e como destacou Villaverde, na intensa colaboración que o Goberno galego mantén con esta entidade, a través dun convenio anual, que foi renovado o pasado mes de febreiro, para o desenvolvemento, entre outras accións, desta campaña promocional. En total, 400.000 euros que son aportados ao 50% polas partes. No caso da achega autonómica, esta inclúese no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Vertebradora da pesca de palangre

Interfish-España creouse en 2019 para dar resposta á necesidade de representar de maneira coordinada a toda a cadea de valor dos produtos do mar (sector extractivo, transformador e comercializador) ante as autoridades españolas, autonómicas e europeas. Desde decembro de 2023, logo da integración de OPNAPA (Organización de Produtores Nacional de Palangreiros de Altura), agrupa ao 99,7% das capturas da pesca de palangre de superficie, de xeito que os seus asociados xestionaron durante o ano 2024 máis de 22.000 toneladas de quenlla, 18.000 de peixe espada e 1.470 de marraxo, cun volume de negocio de máis de 186 millóns de euros. Intégrana 85 buques de altura e máis de 230 industrias transformadoras e comercializadoras.

Composta por cinco socios, dos que catro son da rama de produción (OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar, OPP-49 Orpagu e OPP-88 Opnapa) e un da rama da transformación e comercialización (Conxemar), ten entres os seus obxectivos principais mellorar a coordinación e as condicións para facer que os produtos de pesca e da acuicultura estean dispoñibles no mercado; divulgar as súas propiedades, características e mellora da información ao consumidor; velar polo adecuado funcionamento da cadea alimentaria; fomentar o consumo dos produtos pesqueiros en xeral, así como a responsabilidade social, xestionando de maneira eficiente todos os recursos utilizados para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental; desenvolver estudos para mellorar o coñecemento e transparencia dos mercados; ou fomentar iniciativas de I+D+I como ferramenta de mellora da competitividade.

Trátase dunha entidade que, en palabras da conselleira, vertebra o total da pesquería de palangre de superficie nacional, na defensa conxunta dos intereses económicos, sociais e medioambientais dun sector maioritario a nivel europeo. O pasado 4 de maio e, por acordo da Asamblea Xeral de Interfish-España e dos correspondentes órganos directivos dos seus socios, asumiu o principio de corresponsabiliade financieira do propio sector, establecendo un sistema de recadación por tonelada desembarcada en primeira venta  (8€/TM para peixe espada, 6€/TM para marraxo e 5€/TM para quenlla) que lles vai permitir participar financieiramente nas accións de promoción das tres especies, na razón da actual situación de redución de prezos.

 

Logo cofinanciado