Martina Aneiros lembra que o prazo para presentar proxectos á convocatoria dos GALP finaliza o próximo 21 de marzo

17 de Marzo de 2025

A delegada territorial visitou esta mañá en Pontedeume un inmoble que se vai habilitar como aloxamento turístico con cargo ás axudas de 2024

  • Esta orde de subvencións cofinanciada polo fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura-Fempa conta cunha dotación plurianual de 14,6 M€ ata 2027

  • Está destinada a confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, Concellos e entidades sen ánimo de lucro, entre outros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as obras de rehabilitación dunha vivenda tradicional mariñeira en Pontedeume para uso turístico, un dos proxecto beneficiarios dos apoios da Consellería do Mar, despregados a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte. A responsable autonómica puxo en valor o impacto positivo que estas accións teñen nos municipios costeiros e animou a concorrer á nova convocatoria que está aberta ata o próximo 21 de marzo.

Aneiros destacou esta iniciativa que se explotará como unha pensión de dúas estrelas baixo a denominación A Zapatería e que percibiu unha aportación autonómica de preto de 134.000 euros para as obras de rehabilitación e a dotación de mobiliario. “Este proxecto mellorará a oferta de aloxamentos turísticos na contorna do Camiño inglés e propiciará a creación de emprego na zona”, explicou Aneiros.

A delegada territorial explicou que esta orde de axudas conta cunha dotación plurianual de 14,6 M€ ata 2027 -cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa)- e está destinada a confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, Concellos e entidades sen ánimo de lucro, entre outros. A finalidade, segundo dixo, é a de promover proxectos que incidan na creación de emprego, fomenten a innovación e a economía azul, o patrimonio cultural marítimo e o aproveitamento do patrimonio medioambiental.

O Galp Golfo Ártabro Norte agrupa a un total de 38 entidades das cales preto do 16% pertence ao sector pesqueiro, o 26% ao sector público, o 42% ao sector social e o 13% ao sector económico ademais de agrupar a dez concellos da zona: Ares, Cabanas, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume. Ao abeiro da pasada convocatoria a Xunta aprobou a través do GALP Golfo Ártabro Norte un total de 16 proxectos que percibiron axudas por valor de preto de 885.800 euros.

 

Logo cofinanciado