O DOG publica as axudas FEMPA para reforzar os recursos da pesca artesanal, cuxa convocatoria de 2025 supera os 5M€

29 de Abril de 2025

Co obxectivo de que estas achegas cheguen ao maior número de pesquerías, e que supoñen un 7,4% máis que na edición anterior, os beneficiarios estarán exentos da presentación do aval ou garantía dos pagos a conta

  • Esta liña de subvencións dan cumprimento ao mandato europeo de apostar pola sustentabilidade na explotación dos recursos desta modalidade pesqueira

  • Serán proxectos subvencionables os relacionados co desenvolvemento e vixilancia de medidas que garantan a actividade a longo prazo e que melloren o coñecemento sobre o medio mariño

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas co-financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) que contribúan a reforzar as xestión dos recursos da pesca costeira artesanal, e que están dotadas con máis de 5 millóns de euros.

Estas achegas contribúen a reducir os impactos negativos sobre o medio ambiente, xa que o seu obxectivo é garantir a sustentabilidade na explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros, asegurando a súa actividade ao longo prazo con medidas de xestión baseadas en sistemas de recollida de información sobre o estado dos recursos que melloren o coñecemento sobre o medio mariño. Co-financiadas nun 70% polo FEMPA e nun 30% polo Goberno galego, teñen un período de aplicación ata 2026.

A distribución orzamentaria por cada anualidade é de 2.537.500 euros no presente exercicio e de 2.536.500 no vindeiro. Financiarán proxectos ás entidades colectivas sen ánimo de lucro para desenvolver medidas técnicas e de vixilancia de interese colectivo para toda a pesca costeira artesanal. Así, son posibles  entidades beneficiarias das axudas as confrarías de pescadores e federacións destas;  organizacións de produtores pesqueiros; entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro e entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente por confrarías e as súas federacións.

Actuacións concretas

As entidades colectivas beneficiarias deberán levar a cabo algunha destas actividades: desenvolvemento de medidas técnicas de xestión e vixilancia, de carácter administrativo e/ou integración co sector; seguimento do estado dos recursos aplicable á xestión de pesquerías, incluíndo especies comerciais e accesorias; e sistemas de recollida de información do estado dos recursos que mellore o seu coñecemento e a xestión sustentable.

Polo que respecta aos traballos de asistencia técnica, destacan a elaboración e seguimento, optimización e control dos plans de co-xestión de recursos mariños vivos; a formación de pescadores, orientada a adquirir novas competencia vinculadas a unha mellor administración e conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas nos que viven; ao aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos pescadores; a contribución á vixilancia epidemiolóxica (envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras);  e a colaboración cos técnicos da Consellería do Mar nos asuntos relacionados directamente coa xestión, restauración dos ecosistemas e mellora da produtividade dos bancos marisqueiros.

No caso dos labores de vixilancia, serán traballos de salvagarda do medio mariño e das súas especies. Levaranse a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca e  deberán ser comunicados ao Servizo de Gardacostas. Entre as accións a executar inclúense a programación semanal das actividades de vixilancia e control, que deberá realizarse, cando menos, cunha semana de antelación; a comunicación a dito ente, no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito, o inicio, interrupción e finalización da prestación dos servizos; ou a remisión dos datos e informes que Gardacostas lles requira. 

Logo cofinanciado