Lamenta que non se teña rematado o traspaso de competencias un mes despois de chegar a un acordo co Executivo
-
Lembra que Galicia leva “moito tempo” combinando “a vida económica coa preservación do medio ambiente”
-
Anuncia a posta en marcha dunha rede de oficinas para asesorar sobre fondos europeos a cadea mar-industria, que achega case o 5% do PIB de Galicia
-
Resalta que estes espazos estarán integrados por profesionais con experiencia na contratación pública que ofrecerán asesoramento de balde aos potenciais perceptores
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou hoxe a demanda de que o Goberno central transfira os recursos necesarios para facer efectiva a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. “Agardo que entre xaneiro e febreiro podamos empezar a xestionar o noso litoral, de pleno dereito e con todos os medios”, indicou.
Durante o acto de presentación dunha nova rede de oficinas para asesorar sobre fondos europeos a cadea mar-industria, na que estivo acompañado do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Rueda lamentou que o Executivo non teña culminado o proceso de traspaso de competencias neste eido tras o acordo acadado entre ambas administracións hai máis dun mes. “Galicia é a comunidade con máis quilómetros de costa e levamos moito tempo combinando a vida económica coa preservación do noso medio ambiente. Este ano ten que ser o ano do despegue da xestión do litoral”, resaltou.
Na súa intervención, Rueda destacou a importancia da cadea mar-industria na economía galega -aporta preto do 5% do PIB autonómico- e puxo en valor a futura Rede de Oficinas Fempa (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura 2021-2027) que, ao abeiro do Proxecto Es-Mar, busca axudar a este sector á hora de aproveitar as oportunidades que ofrecen os fondos europeos.
Trátase de sete oficinas que estarán distribuídas por todo o territorio -Viveiro, Ferrol, A Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo- e que estarán integradas por profesionais con experiencia en contratación pública. Nelas asesorarase de balde a potenciais perceptores dos fondos europeos Fempa. “Hai que aproveitar a oportunidade que supoñen estas axudas e será gratuíto para que este asesoramento se use ao máximo”, destacou.
Fondos Fempa 2021-2027
Estes fondos teñen como obxectivo fomentar a pesca sostible, conservar os recursos biolóxicos mariños, xestionar os mares e océanos de maneira sostible, incrementar a seguridade alimentaria e avanzar no crecemento dunha economía azul.
Están dotados con 6.108 M€, sendo España o principal país perceptor, co 21,1 % en total (1.120 M€). Na súa repartición autonómica, Galicia percibe máis do 40%.