O conselleiro do Mar visita as instalacións de Porto Muíños, en Cerceda
-
Sinala a extracción de algas como exemplo do esforzo do sector pesqueiro galego para diversificar a súa produción, ampliando a súa oferta de produtos e poñendo en valor a variedade e riqueza dos alimentos que ofrecen as rías galegas
-
Manifesta o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando este tipo de iniciativas empresariais, que son unha clara aposta pola sustentabilidade, conservando o medio natural
-
Pon en valor o modelo de negocio da compañía, á vangarda no desenvolvemento de criadeiros de algas e ourizos de mar, logrando importantes avances para o cultivo a escala comercial desta última especie, converténdose así nun referente en España
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca a innovación e a investigación como elementos estratéxicos para a explotación sostible dos recursos marítimo-pesqueiros. Un referente neste eido é Porto Muíños, empresa que foi visitada hoxe polo responsable autonómico, e que é pioneira en España no cultivo de algas mariñas, recibindo por este traballo distintos premios a nivel nacional e mesmo fora do territorio español.
Neste senso, o titular de Mar, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou a extracción desta especie protista como exemplo dese labor que permite diversificar a produción a un maior número de especies e, por outra banda, ampliar a oferta no mercado con novos alimentos de gran calidade, sabor e cunhas propiedades nutricionais excepcionais.
O responsable autonómico manifestou así o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando este tipo de iniciativas empresariais. Proba dilo é que, no marco das axudas para investimento en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), esta entidade recibiu en 2024 máis de 214.000 euros. Trátase, por tanto, segundo remarcou Villares, dunha clara aposta pola sustentabilidade, a innovación e a investigación, aplicadas ao ámbito da alimentación e a saúde, co obxectivo de contribuír tamén á conservación do medio natural.
Referentes no sector
Porto Muíños S.L. é unha empresa familiar, fundada no ano 1998, que se dedica, principalmente, ao mundo das algas, dende a súa divulgación como unha verdura máis con altas propiedades nutricionais, ata a súa transformación. Na actualidade, comercializan 30 especies colleitadas a man e de forma sostible na costa galega, e que son distribuídas en distintos países dos cinco continentes, así como outro tipo produtos conserveiros. É o caso das ovas de ourizo, fígado de rape, mexillóns con algas e mesmo ortiguillas de mar.
As súas vendas xa superan as 400 toneladas anuais. Ademais de abastecer o mercado español, exportan unha parte dos seus produtos ao exterior, principalmente a Italia e a Alemaña. O auxe deste mercado débese á súa inclusión na cociña de máis alto nivel, pois os chefs máis recoñecidos a nivel nacional (Ferrán Adriá, Joan Roca ou Andoni Luis Aduriz) incorpóranas aos seus famosos pratos. Na actualidade, ademais do valor culinario e gastronómico desta especie protista, están a investigar as súas propiedades para poder ser utilizada na cosmética natural ou para o alimento animal.
Ademais da planta de Cerceda, conta con outra no porto de Sada, na que se cultivan aproximadamente 5.000 quilos de alga, que se crían en suspensión con aire e auga en continuo movemento, sen estar suxeitas ou enraizadas como acontecería no seu medio natural.