O conselleiro do Mar participa na inauguración deste novo servizo en Ferrol
-
O responsable autonómico recordou que a de Ferrol é a primeira das sete que se irán inaugurando nos vindeiros días e que tamén estarán localizadas en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Ribeira, A Coruña e Viveiro
-
O obxectivo é axudar ás empresas e potenciais beneficiarios informando sobre os investimentos amparados polo Fempa, asesorando no acceso e a execución das actuacións financiadas así como no ámbito da competitividade empresarial
-
A oficina de Ferrol atenderá as demandas dos profesionais e entidades do conxunto da cadea mar-industria dos municipios de 11 localidades da zona e está previsto a organización de obradoiros, accións formativas e de divulgación
A Xunta pon en marcha en Ferrol a primeira das sete oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia que foi inaugurada hoxe polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, onde destacou o papel que vai xogar este novo servizo de asesoramento ao sector pesqueiro que permitirá afondar na súa competitividade e transformación mediante un maior aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027. Así, indicou que a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías o que supón máis de 366 millóns de euros.
O titular de Mar, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, sinalou que se trata de recursos fundamentais para o conxunto da cadea mar-industria, estratéxica para a economía galega, e que serven para a consecución de obxectivos como a mellora da súa competitividade e sostibilidade. Nesta liña, recordou que a esta oficina sumaranse nos vindeiros días seis máis localizadas en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Ribeira, A Coruña e Viveiro, abarcando, polo tanto, o conxunto do litoral galego.
Alfonso Villares sinalou que o Goberno galego investiu máis de 1,8 millóns de euros no posta en funcionamento deste servizo que forma parte do plan de acción para mellorar a execución dos fondos europeos con medidas como a ampliación dos recursos humanos, reprogramacións das medidas ou a simplificación das convocatorias. Actuacións que pretenden mitigar os obstáculos aos que se enfronta a pesca galega á hora de acceder a estes recursos debido á lexislación complexa e confusa do fondo que deriva nun atraso xeneralizado da tramitación e a incoherencia entre os prazos temporais administrativos cos biolóxicos e operativos do sector.
Apoio aos potenciais beneficiarios
As oficinas Es.Mar prestarán un servizo híbrido -con oficinas físicas e unha virtual- o que permitirá ofrecer unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa. Nestes espazos ofrecerase información sobre os investimentos amparados polo fondo, asesoramento na execución das actuacións financiadas así como no ámbito da competitividade empresarial. Cada oficina conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial.
Axudas dos Galp
Alfonso Villares tamén recordou que os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, tamén xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiación comunitaria para apoio a proxectos cun importante nas poboacións costeiras. Esta entidades agrupan a 409 organización locais das cales 97 pertencen ao sector pesqueiro que representan a máis de 13.000 traballadores. No 2024 foron aprobados 133 proxectos ao abeiro destes apoios que contaron cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e que supuxeron a mobilización de case 21 millóns de euros.