O conselleiro do Mar visitou as instalacións de Piscilor, un dos maiores produtores de troita de Galicia, no concello lucense de Quiroga, que alcanzou a cifra de 218 toneladas no 2024
-
A Xunta vén de publicar este mes de xaneiro varias liñas de axuda destinadas á sostibilidade, modernización e competitividade do sector marítimo- pesqueiro e acuícola, cofinanciadas polo Fempa, por valor de 82 millóns de euros
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, fixo unha visita ás instalacións da empresa Piscilor ao carón do río Lor no concello lucense de Quiroga onde puxo en valor os apoios do Goberno galego ao sector da piscicultura da comunidade como produtos de alimentos de máxima calidade. O responsable autonómico resaltou a traxectoria desta empresa familiar, fundada en 1979, que a día de hoxe é unha das máis importantes de Galicia cunha produción de troita que alcanzou as 218 toneladas no 2024.
O titular de Mar, sinalou o papel que teñen estas empresas na dinamización da actividade económica nas zonas de interior aproveitando os excelentes recursos naturais dispoñibles dun xeito sostible. Nesta liña, recordou que na actualidade a produción acuícola supera a pesca extractiva e destacou o seu potencial crecemento a nivel global polo que destacou a importancia dos apoios despregados pola Xunta en diversas liñas de axuda publicadas no Diario Oficial de Galicia este mes de xaneiro destinadas á sostibilidade, modernización e competitividade do sector marítimo-pesqueiro e acuícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), cun investimento que alcanza os 82 millóns de euros.
Competitividade e sostibilidade
Desta cantidade, o 80% distribuirase ata 2027 e está dirixido á acuicultura, co fin de mellorar os seus establecementos de xeito que a produción se incremente en cantidade e calidade, mellorando ademais a sostibilidade e as condicións de seguridade dos traballadores. O obxectivo é contribuír positivamente nos resultados económicos do sector, ao tempo que se afonda na súa sustentabilidade e competitividade.