Villares reclama ao Goberno central maior implicación na promoción dos produtos pesqueiros para reforzar as campañas da Xunta e do sector

20 de Setembro de 2024

O conselleiro do Mar inaugura a III Xornada de Pesca de Ribeira

 

  • O responsable autonómico puxo en valor o traballo do Goberno galego na mellora da comercialización do peixe, marisco e conservas e situou estes produtos como esencias para acadar a necesaria soberanía alimentaria de Europa

  • Tamén reclamou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que actúe no marco da normativa comunitaria fronte aos produtos plant-based como xa fixeron outros países como Italia ou Francia

O concello coruñés de Ribeira acolleu a III Xornada de Pesca organizada pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (OPP-83) na Escola Oficial Náutico- Pesqueira da localidade. No evento se abordaron asuntos de interese para o sector como o novo regulamento de control, os problemas de comercialización ou as oportunidades de financiamento a través do Fondo Europeo Marítimo para a Pesca e Acuicultura (Fempa).

Ata alí se desprazou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, onde reclamou ao Goberno central unha maior implicación na promoción dos produtos pesqueiros nun contexto de progresivo descenso da presencia destes alimentos na cesta da compra. Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta neste ámbito con campañas como GALICIA SABE AMAR, apoiando as iniciativas realizadas polo propio sector así como con axudas autonómicas para potenciar a presenza da cadea mar-industria nos mercados internacionais.  

Neste sentido, Alfonso Villares mostrou a súa desaprobación á tramitación por parte do Ministerio de Consumo dun decreto para regular a seguridade alimentaria e nutrición para o fomento dunha alimentación saudable e sostible nos centro educativos que limita o consumo destes alimentos. Unha proposta que choca coas premisas da Organización Mundial da Saúde e que vai no sentido oposto aos informes emitidos pola propia Axencia Española de Seguridade e Nutrición que recomenda tres ou máis racións semanais. Unha medida, ademais, que tería un impacto negativo para un sector responsable e modelo de sostibilidade.

Regulación do etiquetado

O titular de Mar reclamou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que actúe no marco da normativa europea para regular e impedir o etiquetado de produtos plant-based polo que se comercializan produtos vexetais baixo denominación de peixe ou especies de peixe. Unha práctica irregular que está a prexudicar gravemente ao sector. Así, defendeu que o Executivo estatal debe responder ás demandas de entidades representantes da cadea mar-industria como Anfaco-Cecopesca ou Conxemar e regular esta práctica na liña doutros países europeos como Italia o Francia.

 

 

Logo cofinanciado