O conselleiro comprobou o proceso de desembarque realizado no porto de Bueu
-
Incide na importancia de seguir respaldando a actividade marítimo-pesqueira, en aras de aumentar a competitividade das empresas e autónomos que a conforman e de por en valor o excelente produto que sae da costa galega, caracterizado pola súa sostibilidade
-
Avanza que, a través do Fempa, a Xunta destinará máis de 200.000€ ao reforzo da industria transformadora local, á mellora da comercialización, á recuperación da biodiversidade, ás accIóns do GALP e a axudas pola posible paralización temporal da frota
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou este mércores a descarga de vieira do porto de Bueu, produto do que xa se comercializaron 10.000 quilos, alcanzando un valor no mercado de 63.500 euros.
Para o responsable autonómico son datos positivos, tal e como tamén manifestaron dende o sector, e que son o resultado da cogobernanza entre a Consellería e a cadea produtiva para a xestión sostible dos recursos pesqueiros de Galicia, supoñendo así un ingreso extra para as confrarías e, en consecuencia, un aumento na diversificación da súa actividade.
A este respecto, o conselleiro incidiu na importancia de respaldar con fondos públicos a actividade da cadea mar-industria, en aras de aumentar a competitividade das empresas e autónomos que a conforman e de por en valor o excelente produto que sae da costa galega que, ademais, é sostible e cumpre escrupulosamente os parámetros sanitarios que o fan apto para o seu consumo. Proba disto, explicou Villares, é que, neste caso concreto, inicialmente só estaba aberta a zona III (fondo da Ría de Pontevedra) pero, posteriormente, os técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) avaliaron a zona II, (parte central), obtendo analíticas favorables que fixeron posible a apertura desta área. Asemade, nos vindeiros días está prevista unha nova analítica da Zona I, polo que se os resultados volven ser satisfactorios tamén podería quedar aberta.
A extracción de vieira nesta zona comezou o 3 de febreiro e ten que alcanzar un tamaño mínimo de 11,5 centímetros. Na campaña participan un total de sete barcos de Bueu, Aldán e Raxó. O pasado ano, nesta lonxa, en primeira venda, despacháronse máis de 356.600 quilos, o que supuxo un volume de negocio de 2,7 millóns de euros. Deste xeito, a de Bueu situouse en 2024 no posto 18 das 58 existentes en Galicia, sendo superada tan só (por orde de produción e facturación) por Vigo, A Coruña, Burela, Celeiro, Ribeira, Carril, Cedeira, O Grove, Cambados, Cangas, Noia, Muros, Marín, Fisterra, Malpica, Camariñas e Baiona. Polo que respecta aos buques con base neste porto, a cantidade posta á venda superou os 1,3 millóns de quilos e os 4,9 millóns de euros.
Apoio da Xunta
Villares trasladou a vontade do departamento que dirixe de seguir apoiando ao sector marítimo-pesqueiro de Bueu. Tal é así que, segundo avanzou, no marco do cofinanciamento que brinda o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) está previsto un investimento de preto de 207.000 euros en accións para o impulso da industria transformadora, da mellora da comercialización dos produtos do mar, da recuperación da biodiversidade, para os proxectos do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ou para paliar as posibles perdas pola paralización temporal da frota.