Villaverde destaca a unión entre sector pesqueiro, gastronomía e tradición xacobea na clausura da campaña ‘Peregrinos del mar’

30 de Outubro de 2026

A campaña impulsada por Interfish-España promoveu durante dous meses o consumo do peixe espada e a quenlla a través da hostalaría do Camiño de Santiago

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na clausura da campaña Peregrinos del Mar, celebrada na Hospedería San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, onde destacou a conexión entre a actividade pesqueira, a gastronomía e a tradición xacobea “como elementos moi próximos e profundamente unidos, que van tecendo a rede da nosa identidade”.

A responsable autonómica puxo en valor a implicación dos profesionais do mar, da comercialización e da restauración nesta iniciativa, que durante dous meses permitiu achegar o peixe espada e a quenlla aos peregrinos a través de propostas gastronómicas en establecementos do Camiño Francés. Trátase dunha maneira de “compartir toda esa excelencia dos produtos que constitúen a nosa Galicia Calidade do mar”, destacou.

Villaverde tamén recoñeceu o traballo de Interfish-España e das organizacións de produtores participantes —OPP de Burela, Opromar e Orpagu—, así como a colaboración dos hostaleiros e cociñeiros para dar a coñecer as posibilidades culinarias destas especies.

Así mesmo, a conselleira salientou a importancia de iniciativas que permiten achegar a realidade do sector pesqueiro á cidadanía a través da gastronomía, favorecendo un maior coñecemento dos produtos do mar e do traballo que existe detrás da súa chegada aos mercados. Nesta liña, destacou o papel da restauración como punto de encontro entre a tradición mariñeira e os consumidores, así como a súa capacidade para divulgar a calidade e a versatilidade das especies pesqueiras.

A campaña

Peregrinos del Mar desenvolveuse entre o 1 de setembro e o 30 de outubro, cun percorrido gastronómico por localidades do Camiño Francés, desde Estella (Navarra) ata Santiago de Compostela. Impulsada por Interfish-España, coa colaboración das organizacións de produtores, a iniciativa contou coa cofinanciación da Xunta, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A campaña combinou gastronomía e divulgación pesqueira mediante pratos elaborados con peixe espada e quenlla e unha credencial gastronómica que os participantes podían selar nos restaurantes colaboradores.

Logo cofinanciado