Na clausura das IV Xornadas de Pesca de Ribeira
-
Proba delo é que hai xa dous meses e tan só dous días despois de coñecerse o anuncio da Comisión de diluír o actual Fempa nun gran fondo, a Xunta rexeitaba esta decisión, creando, a principios de agosto e xunto co sector, un grupo de traballo ad hoc
-
A conselleira destaca a proactividade da Administración autonómica neste senso, anunciando que seguirá sendo a voz da pesca galega no órgano gobernativo acordo entre o Ministerio coas CCAA
-
Reitera que o fin último da negociación ante Bruxelas, cuxa responsabilidade é do Executivo estatal, debe ser que o novo marco financieiro sexa unha ferramenta eficaz para a estabilidade e o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro galego
A Conselleira do Mar, Marta Villaverde, expuxo nas IV Xornadas de Pesca de Ribeira, organizadas pola OPP83, que Galicia lle marcou o rumbo ao Goberno na defensa dun fondo específico e suficiente para a pesca. Así se desprende logo de que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación propuxese o pasado luns, no marco da celebración do Consello Consultivo de Política Agrícola e de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, a creación dun grupo de traballo conxunto coas Comunidades Autónomas para tal fin, facendo súa unha medida que a Xunta xa ten en funcionamento e que é o resultado da ofensiva iniciada tan só dous días máis tarde desde que a Comisión Europea anunciase a inclusión do actual Fempa nun gran fondo, xunto ao agrícola.
No mes de xullo o Executivo galego rexeitaba frontalmente a proposta europea. Esta posición foi trasladada pola propia conselleira a principios de agosto ao Consello Galego de Pesca, convocado a petición desta e no que quedou constituído un grupo de traballo específico, formado por representantes das principais organizacións sectoriais, e que xa está a avaliar a proposta da Comisión e o seu impacto no conxunto da cadea mar-industria, co fin de establecer unha folla de ruta común para o conxunto dos axentes implicados de xeito que se articule unha reacción técnica e política que permita coordinar esforzos e tecer alianzas con outras organizacións e rexións marítimas para contar con voz propia no proceso de negociación.
Con este posicionamento, a conselleira remarcou o indiscutible compromiso e responsabilidade da Xunta sobre este asunto, e fíxoo a propósito de que a revisión da PPC foi un dos temas centrais do simposio. Neste senso, avanzou que Galicia seguirá sendo a voz do sector na creación de dito órgano gobernativo, xa que será determinante no proceso de negociación que culminará ao longo do ano 2027, cando se agarda o peche definitivo do marco e a fixación dos montantes económicos asignados a cada Estado membro.
Por este motivo, e dado que é o Goberno de España a Administración coas competencias directas para avaliar dita proposta, cuxa aprobación debe ser aprobada por todos os países da UE, a responsable autonómica advertiu que a Xunta non abandonará a proactividade demostrada neste proceso nin a actitude dialogante, pois o fin último é que o novo marco financieiro Plurianual (MFP) 2028-20234 sexa unha ferramenta eficaz para a estabilidade e o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro galego.
Pacto Europeo polos Océanos
Outro dos asuntos abordados foi o Pacto Europeo polos Océanos, respecto do cal Galicia demanda a garantía de participación das comunidades costeiras na toma de decisións, co apoio aos operadores pesqueiros na promoción dun ordenamento sostible das zonas costeiras, o desenvolvemento de estratexias de adaptación para facer fronte ao impacto do cambio climático e a mellora dos marcos de xestión, xunto con mecanismos de coordinación; ademais da recompilación e o intercambio de datos científicos, reforzando o papel da investigación e innovación na toma de decisións políticas. Un todo, apuntou a conselleira, que pretende a integración plena da pesca e da acuicultura como piares centrais do acordo.
Ribeira, un dos portos de baixura máis importes de Europa
A cuarta edición destas xornadas, nas que tamén interviu o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, desenvolveuse na Escola Oficial Náutico Pesqueira, enmárcase na intensa colaboración que a Consellería do Mar mantén coa OPP83 nos últimos anos.
A frota desta Organización de Produtores Pesqueiros, máis coñecida como Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira, está formada por 17 barcos. Dez pertencen á modalidade de arrastre e sete ao cerco -ambas de caladoiro Cantábrico-Noroeste-, sendo o lirio un dos seus produtos estrela. Tal é así que, para diferenciar a calidade desta especia no mercado, creou a marca propia Lirio de Ribeira.