Villaverde valora positivamente que as propostas anunciadas por Planas sobre o Fempa sexan as mesmas que as demandadas pola Xunta desde fai dous meses

15 de Setembro de 2025

A conselleira do Mar participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola

 Villaverde valora positivamente que as propostas anunciadas por Planas sobre o Fempa sexan as mesmas que as demandadas pola Xunta desde fai dous meses
  • A responsable autonómica ve de bo grado o acordo de crear un grupo coas CCAA para traballar conxuntamente, ao coincidir cun dos puntos asinados no mes de xullo por varias  Comunidades Autónomas, cando solicitaron a celebración dunha Conferencia Sectorial de Pesca

  • Marta Villaverde acudiu a esta reunión coa responsabilidade de trasladar e defender as demandas do sector, tal e como leva facendo o Goberno galego desde xullo, e que pasan pola definición dunha estratexia conxunta que garanta a existencia dun fondo específico para o período 2028-2034 

  • Defendeu unha aplicación dunha Política Pesqueira Común e do Pacto Europeo polos Océanos en liña coas emendas presentadas por Galicia que garantan a participación das comunidades costeiras e o apoio aos operadores pesqueiros

  • Espera que as posibilidades de pesca en augas compartidas con Reino Unido, estratéxicas para a comunidade cunha frota de 87 buques que capturaron 31.300 toneladas no 2024, atendan a factores económicos, sociais e ambientais

  • Avoga por unha defensa máis contundente da frota fronte a autoasignación de cotas de bacallau e cuestionou a entrada de salmón noruegués ao mercado comunitario 

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, considera que as propostas anunciadas hoxe, tanto en rolda de prensa, como na posterior reunión do Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, son as mesmas que as plantexadas pola Xunta de Galicia desde o o momento que a Comisión Europea plantexou diluír o actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa), nun gran fondo, xunto con outros financeiros, que serían destinados ao desenvolvemento dos Plans de Asociación Nacionais e Rexionais (PNR), é dicir, desde fai dous meses.

Malia todo, a responsable autonómica valora o acordo de crear un grupo coas CCAA para traballar conxuntamente, ao coincidir cun dos puntos asinados no mes de xullo por varias Comunidades Autónomas, cando solicitaron a celebración dunha Conferencia Sectorial de Pesca; accións que a conselleira trasladou no mes de agosto ao Consello galego Pesca, e onde Galicia constituíu xa un grupo de traballo para establecer e coordinar as accións a realizar na defensa dos intereses do sector.

Galicia, co sector

Marta Villaverde acudiu a esta reunión coa responsabilidade de trasladar e defender as demandas do sector, tal e como leva facendo o Goberno galego desde o inicio, e que pasan pola definición dunha estratexia conxunta para garantir a existencia dun fondo específico para pesca no vindeiro Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034. E é que este cambio de modelo deixa a discreción dos Estados membros as prioridades e criterios de reparto destes recursos que son esenciais para o impulso da competitividade e sostibilidade do sector pesqueiro, estratéxico para Galicia na súa condición de principal rexión Pesqueira da Unión Europea. Nesta liña destacou que a comunidade, a maior beneficiaria do Fempa, xunto con outras cinco comunidades que xestionan máis da metade deste fondo destinado a España, reclamaron xa en xullo a celebración dunha Conferencia Sectorial para abordar esta cuestión de cara a establecer unha estratexia conxunta fronte ao proceso de negociación desta proposta.

Outra das demandas é a necesidade de abordar a aplicación da Política Pesqueira Común e do Pacto Europeo polo Océanos en liña coas emendas presentadas por Galicia. Garantir a participación das comunidades costeiras na toma de decisións, o apoio aos operadores pesqueiros na promoción dun ordenamento sostible das zonas costeiras ou o desenvolvemento de estratexias de adaptación para facer fronte ao impacto do cambio climático son algunhas das aportacións galegas. Tamén a mellora dos marcos de xestión, xunto con mecanismos de coordinación, así como a recompilación e intercambios de datos científicos, reforzando o papel da investigación e innovación na toma de decisións políticas.

Reino Unido e Noruega

Na orde do día tamén estaba as consultas anuais sobre as posibilidades de pesca nas augas compartidas con Reino Unido ao abeiro do acordo alcanzado en maio entre Bruxelas e Londres polo que se garante o acceso a estas augas á frota comunitaria ata o 2038. Nesta liña, Marta Villaverde, insistiu en que as cotas para o vindeiro ano deben responder a factores económicos, sociais e ambientais. Así, destacou que esta zona é estratéxica para Galicia, especialmente o caladoiro do Gran Sol, onde faenan 87 buques da comunidade que capturaron no 2024 máis de 31.300 toneladas de especies como a pescada, o peixe sapo ou rapante cunha facturación que supera os 150 millóns de euros.

No referente as posibilidades de pesca nas augas compartidas con Noruega, a titular de Mar demanda  unha defensa máis contundente da frota fronte á autodesignación de cotas de bacallau por parte do país nórdico. Para a responsable autonómica é inaceptable que a sustentabilidade desta pesqueira quede supeditada a recortes na cota da frota comunitaria. Tamén recordou que Noruega exporta á Unión 1.300 millóns de euros anuais en produtos pesqueiros polo que existen mecanismos para garantir o cumprimento dos acordos alcanzados entre ambas partes.

Marta Villaverde cuestionou a entrada no mercado europeo de salmón noruegués, cultivado en piscifactorías, que incumpren gravemente os criterios de sustentabilidade comunitarios. Este produto pesqueiro leva tempo no foco por denuncias pola utilización de fariña de peixe producidos en África Occidental a partir de poboacións de pequenos peláxicos, esenciais para a dieta das comunidades costeiras.

 

Logo cofinanciado