O DOG publica hoxe esta ampliación, así como o cambio que afecta ás embarcacións acuícolas, cuxa subvención será do 50 % do total do gasto realizado
-
O obxectivo desta reforma é facilitar o proceso aos beneficiarios e que as solicitudes cheguen ao maior número posible de entidades deste réxime
-
O departamento autonómico presuposta ata 2027 máis de 61 millóns de euros para a modernización, automatización, dixitalización ou diversificación da produción neste tipo de instalacións
A Xunta de Galicia amplía un mes o prazo para solicitar as axudas para crear negocios de acuicultura e para a adquisición de barcos auxiliares. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta modificación, que tamén inclúe, no caso das embarcacións acuícolas, a eliminación do límite subvencionable, fixándose o importe da achega no 50 % do total do gasto realizado.
O obxectivo destas variacións non é outro que facilitar o proceso aos beneficiarios e que as solicitudes cheguen ao maior número de entidade deste réxime. Deste xeito, tal e como figura na publicación, as achegas divídense en tres bloques. O primeiro, dirixido a actuacións que fomenten a competitividade e sustentabilidade do sector, de xeito que a actividade acuícola sexa viable e atractiva; a mellora e construción das infraestruturas dependentes desta explotación; a protección das instalacións fronte as adversidades climáticas, alteracións da contorna, da auga, escapes ou depredadores; e a creación de novas empresas para impulsar o espírito empresarial e a remuda xeracional. O segundo, destinado a accións que reduzan a pegada de carbono, favorezan a eficiencia enerxética ou a reconversión a fontes de enerxías renovables; e, o terceiro, ao asesoramento técnico, científico, tecnolóxico, xurídico e económico das explotacións.
Neste senso, a contía máxima da axuda nos dous primeiros casos será do 50 % do gasto total subvencionable para operacións executadas por pemes e do 40 % no caso de grandes empresas ata un límite máximo de 25 millóns de euros de axuda por beneficiario. No que respecta a o último bloque, non existe límite e o importe cubrirá a metade do gasto da operación.
Máis de 61 M€ ata 2027
Esta inxección económica finánciase nun 70 % co Fempa e no 30 % restante pola Consellería do Mar. Este departamento presuposta ata 2027 61,2 millóns de euros para a modernización, automatización, dixitalización ou diversificación da produción en instalacións de acuicultura.