Marta Villaverde visitou as confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos
-
A finalidade destes apoios, cofinanciados polo Fempa, é compensar os efectos desta medida establecida desde o 16 de abril ata o 16 de xullo
-
Destas achegas son potenciais beneficiarias 124 persoas mariscadoras a pé, 102 tripulantes e 40 embarcacións
-
A conselleira do Mar mantivo un encontro de traballo cos representantes dos citados pósitos para analizar estas actuacións e valorar os resultados desta parada
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a convocatoria de axudas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros da ría de Ferrol. A finalidade destes apoios é compensar os efectos desta medida establecida desde o 16 de abril ao 16 de xullo como medida técnica de conservación recollida nos plans de xestión conxuntos de moluscos bivalvos a pé, a pé con embarcación auxiliar e desde embarcación en zonas de libre marisqueo e en zonas autorización das confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos.
Así o indicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nos encontros mantidos cos representantes destes tres pósitos, e nos que analizaron estes apoios e sentaron as bases para establecer novas vías de colaboración, no marco do compromiso do Goberno galego coa sustentabilidade económica e ambiental da actividade marisqueira.
As achegas, que están dotadas con case 1 millón de euros e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), distribúense en dúas ordes de axuda. Unha para o marisqueo a pé e outra para o marisqueo a frote. Para o cálculo dos importes aplicase un baremo baseado nos ingresos do período de referencia partindo dos ingresos medios nos últimos tres anos.
Por outra banda, no caso do marisqueo a frote, para as persoas armadoras establécese un importe máximo da axuda por embarcación atendendo ao seu arqueo bruto (GT) e o número de días de lucro cesante a razón de 20,01 euros e 31,73 euros diarios, cun importe mínimo de 134 euros. Para os tripulantes o importe máximo ascenderá a 50 euros por día de paralización. Para obter a condición de persoa beneficiaria en todos os casos deberase acreditar unha actividade extractiva de, cando menos, 120 días nos últimos dous anos, correspondendo como mínimo o 20% deste período na modalidade de libre marisqueo ou marisqueo na zona VII.
Beneficiarios
En total son 124 persoas mariscadoras a pé, 102 tripulantes e 40 embarcacións as potenciais beneficiarias das compensacións económicas pola parada da actividade extractiva nas zonas produtivas. Deste xeito, o Goberno galego reforza os apoios ao sector marisqueiro, actividade que ten un papel estratéxico na comunidade, tamén en materia de soberanía alimentaria, ao prover ao mercado de produtos de excelente calidade e nas mellores condicións de salubridade e trazabilidade.
Esta medida técnica de conservación foi consensuada coas tres confrarías que o ano pasado comercializaron 182,5 toneladas de bivalvo por valor de 2,2 millóns de euros. Unha cifras que poñen en valor a importancia deste sector e a súa contribución a diversificar a economía destas comunidades costeiras xerando emprego e fixando poboación.