As conselleiras do Medio Rural, María José Gómez, e do Mar, Marta Villaverde, avaliaron as medidas anunciadas pola Comisión Europea sobre a futura PAC e o Fempa
-
A titular de Medio Rural explicou que se trata de xuntar esforzos para defender, unha vez máis, que a nova PAC non pode perder nin a súa natureza nin fondos, e que debe responder ás necesidades do sector primario galego
-
Alertou de que o orzamento para o desenvolvemento rural queda mermado e que, de traducirse en cifras este recorte, haberá unha redución aproximada de 80 millóns de euros anuais para o rural galego, que significan 480 millóns menos no período
-
A conselleira do Mar sinalou que Galicia, coma principal rexión pesqueira de Europa, debe ter voz propia non só na execución senón tamén no deseño e planificación dos fondos
A Xunta convocará os axentes do sector primario galego para facer unha fronte común e defender os intereses de Galicia diante das medidas anunciadas pola Comisión Europea sobre a futura Política Agraria Común (PAC) e o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa).
Así o trasladaron hoxe as conselleiras do Medio Rural e do Mar, María José Gómez e Marta Villaverde, na súa comparecencia en rolda de prensa para explicar a postura do Goberno galego e as accións a adoptar ao respecto. As conselleiras estiveron acompañadas polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Neste sentido, a titular de Medio Rural lembrou que desde Galicia, en conxunto con outras comunidades autónomas, xa se solicitou ao Goberno central a celebración dunha Conferencia Sectorial urxente e, ao mesmo tempo, manterase unha reunión con axentes do sector para defender, unha vez máis, que a nova PAC non pode perder nin a súa natureza nin fondos, e que debe responder ás necesidades do sector primario galego.
Nesta mesma liña, Gómez advertiu que a proposta da Comisión vai en contra da filosofía dunha PAC “forte e diferenciada, precisamente para facer cumprir o de que fose ‘común’ a todos os estados membros”. Por iso, engadiu, a Xunta considera que a nova PAC, tal como está planificada, perde a súa natureza e “deixa de ser común”, o que pode afondar nas desigualdades.
Preocupación pola nova proposta
A conselleira reiterou a súa profunda preocupación diante dunha proposta que o Goberno galego non comparte, porque non foron atendidas ningunha das peticións que se fixeron desde Galicia, porque supón un recorte de fondos e porque se lle resta importancia á PAC ao integrarse nun fondo común para os gobernos centrais. Subliñou, así mesmo, o seu carácter “insuficiente e inxusto” cun sector que é sostén alimentario e medioambiental.
Neste contexto, Gómez denunciou a desaparición da arquitectura tradicional da PAC, cun fondo independente baseado en dous piares -as axudas directas (fondo Feaga) e os programas de desenvolvemento rural (fondo Feader)-. En troques -lamentou- todo se integra nun único fondo no que tamén entran outros ámbitos como asuntos sociais, defensa, migración, medio ambiente ou pesca.
Así, créase ese fondo xeral co único bloqueo de só determinadas medidas da PAC, pero cada estado membro decidirá como distribúe o resto de fondos entre as diferentes intervencións, especialmente daqueles que agora estaban blindados no segundo piar a través do fondo Feader.
Recorte de 480 millóns de euros para o rural galego
Por outro lado, Gómez rexeitou o recorte da dotación económica da PAC, que inicialmente supera o 20 %, pero que -dixo- “intuímos que será máis, posto que hai intervencións que incrementan xa o cofinanciamento que debe poñer os países e as comunidades”. Engadiu que, de traducirse en cifras este recorte, “falamos dunha redución aproximada de 80 millóns de euros anuais para o rural galego, que significan 480 millóns menos no período”. Por tanto, sinalou, “non se pode facer máis con menos”. En concreto, no caso do actual segundo piar, a conselleira alertou de que “o orzamento para o desenvolvemento rural queda mermado”.
María José Gómez lembrou que a PAC é un dos mecanismos máis importantes que se xestionan desde as comunidades autónomas e que permite garantir e manter a actividade dos gandeiros e agricultores. A maiores, advertiu que, sen este recurso de apoio directo ao sector, os prezos dos produtos agroalimentarios sería moito máis elevados e isto repercutiría dun xeito negativo no consumidor. Como conclusión, a conselleira recordou tamén que cada ano Galicia xestiona máis de 220 millóns de euros en axudas que benefician arredor de 23.000 gandeiros e agricultores, que se complementan co resto de axudas do segundo piar, cifradas en arredor de 151 millóns de euros de gasto público total.
Fondo específico
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, manifestou que para Galicia resulta irrenunciable contar cun fondo propio e específico para a política pesqueira coa dotación suficiente para que o sector poda afrontar os desafíos actuais. Nesta liña, recordou que a actividade pesqueira é estratéxica para Galicia e forma parte da columna vertebral da política comunitaria como recoñece o propio Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
Para o Goberno galego a proposta da Comisión de novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034 é inaceptable dado que dilúe o fondo de pesca noutros fondos cunha redución aparente con respecto ao importe actual. Ademais, deixa a mercé das prioridades dos Estados Membros a posibilidade de destinar máis fondos ao ámbito pesqueiro deixando ás rexións sen poder de decisión cando son as que mellor coñecen a realidade do seu territorio. Así, Villaverde reiterou a reclamación galega dunha maior rexionalización no deseño e execución destes recursos.
Recordou que Galicia, como principal rexión pesqueira de Europa, debe ser unha das principais beneficiarias dos fondos europeos, no actual Fempa con máis de 366 millóns. Uns recursos esenciais para a competitividade e sostibilidade dunha cadea mar-industria que representa o 5% do PIB galego cunha facturación 11.600 millóns de euros e que xera 20.000 empregos no mar que se multiplican por 7 en terra cunha especial incidencia nas comunidades costeiras.
Defensa do sector
A responsable autonómica destacou que a Xunta está en permanente contacto co sector e con outras comunidades de litoral con competencias en pesca para facer unha fronte común. Marta Villaverde avogou pola unidade de administracións e sector para dar a batalla en contra dunha iniciativa que pon en grave risco a sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro galego. Con ese obxectivo Galicia, xunto con outras comunidades, solicitou a celebración dunha Conferencia Sectorial na que analizar a situación e establecer unha estratexia conxunta en defensa da pesca e o seu futuro.