A Xunta destaca a planta de cultivo larvario e acuicultura rexenerativa de Octolarvae en Moaña que sitúa a Galicia á vangarda en investigación mariña

18 de Setembro de 2025

Marta Villaverde visitou as instalacións da filial de Profand

  • Este proxecto ten como obxectivo principal a optimización do cultivo na fase larvaria de diferentes especies de interese pesqueiro como o polbo para lograr xuvenís cos que rexenerar e repoboar os ecosistemas das rías

  • Para a responsable autonómica este proxecto tamén é un exemplo de diversificación cara modelos máis sostibles, que combinan rendibilidade económica coa preservación dos recursos mariños

  • Villaverde amósase convencida que esta iniciativa terá un impacto moi significativo na sustentabilidade do sector pesqueiro

A autorización da Consellería do Mar no mes de xaneiro á Octolarvae para a instalación dun criadeiro experimental de polbo común está a permitir o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España no lugar da Borna, relacionado co comportamento dos cefalópodos na súa fase larvaria para lograr xuvenís cos que rexenerar os ecosistemas das rías. A responsable deste departamento da Xunta, Marta Villaverde, visitou a planta desta entidade na que se está a levar a cabo esta iniciativa e outras actividades de investigación e desenvolvemento relacionado coa acuicultura e a bioloxía de diferentes especies galegas.

Deste xeito, a filial de Profand, en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) -unha das entidades científicas máis prestixiosas a nivel nacional-, traballarán de forma conxunta durante os próximos cincos anos para superar os desafíos biolóxicos e tecnolóxicos coa fase larvaria, actuación considerada como un dos maiores retos científicos no ámbito da acuicultura mariña.

A instalacións contan cunha planta duns 350 metros cadrados, que está equipada con tecnoloxías e recursos de última xeración para o cultivo de cefalópodos. Así, alberga distintas áreas de cultivo de microalgas, Artemia e fitoplancto, esenciais como alimento de larvas e tanques específicos para reprodutores e o desenvolvemento larvario.

A conselleira, que coñeceu como está a ser a evolución desta iniciativa, puxo en valor a altura de miras da entidade promotora, destacando que supón unha aposta por unha produción máis sostible e pola repoboación da costa. Co seu desenvolvemento, dixo, Galicia sitúase como un referente en innovación acuícola, sendo este proxecto exemplo de diversificación cara modelos que combinan rendibilidade económica coa preservación dos ecosistemas mariños. Neste senso, amosouse convencida de que esta proposta terá un impacto moi significativo na sostibilidade do sector pesqueiro.

Outras colaboracións

A Consellería do Mar, a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) tamén financiou a sementeira de máis de 1.000 xuvenís de centola realizada no mes de xullo por Octolarvae na reserva mariña de Os Miñarzos. Esta actuación está destinada ao mantemento desta especie como un dos mariscos máis prezados de Galicia, tanto polo seu sabor, como pola seu valor en lonxa.

 

Logo cofinanciado