A Xunta destina 10,5 M€ a impulsar a competitividade das pemes transformadoras dos produtos de pesca e da acuicultura

21 de Febreiro de 2025

Alfonso Villares e Patricia García visitaron Conservas Cerqueira, unha das 39 empresas beneficiarias

  • O responsable de Mar destaca o forte tecido empresarial desta conserveira, pois contribúe  ao desenvolvemento da comarca e a que Galicia sexa líder a nivel nacional e internacional tamén no eido da comercialización

  • Con esta finalidade, en 2024, a Consellería achegou, no marco dos fondos FEMPA, preto de 2,2 M€ para o sistema de envasado e baleirado e novas liñas de produción e almacenaxe, que se suman aos 11,6 millóns aportados en 2022

  • Cunha produción de máis de 40 millóns de latas ao ano, esta fábrica sitúase entre as primeiras 25 empresas conserveiras de España

A Xunta de Galicia destina a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos de pesca e da acuicultura 10,5 millóns de euros. Así o anunciou este venres o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na visita realizada a unha das 39 pemes beneficiarias. Trátase de Conservas Cerqueira, situada en Rianxo, e que recibiu preto de 2,2 millóns de euros, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) para o sistema de envasado e baleirado e para novas liñas de produción e almacenaxe.

Neste senso, o responsable autonómico, que estivo acompañado da directora xeral e Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, destacou a aposta dos responsables da mesma por contribuír a xerar emprego e dotar de valor engadido aos produtos extraídos pola xente do mar baixo criterios de sostibilidade e a aplicación da innovación.

Tal é así que, segundo apuntou Villares, o seu forte tecido empresarial é determinante para que Galicia sexa líder e referente nacional e internacional tamén na comercialización, grazas ao fomento da sustentabilidade, da I+D+I  e da calidade; de tal xeito que, en paralelo, contribúe ao progreso de Rianxo e ao desenvolvemento socioeconómico da comarca do Barbanza e, en consecuencia, de toda a comunidade.

Porén, o conselleiro trasladou a vontade do Goberno galego de seguir colaborando co tecido empresarial marítimo-pesqueiro, co obxectivo de facer de Galicia un lugar no que investir. Proba delo, son as axudas que o seu departamento pon a disposición deste sector no marco de apoiar proxectos como o liderado pola planta coruñesa, que cualificou de máis sostible a nivel produtivo, ambiental e sociolaboral, e que contou tamén en 2022 cunha achega da Consellería do Mar de 11,6 millóns para a ampliación das súas instalacións.

Entre as 25 primeiras empresas de España

Dende 1890 Conservas Cerqueira leva operando no eido da elaboración de conservas de peixes e mariscos frescos de gran calidade. Na actualidade, sitúase entre as 25 primeiras a nivel nacional nesta materia, e a súa produción, que supón unha facturación de 50 millóns de euros, distribúese en mercados nacionais e internacionais, sendo Europa, Asia e América os principais países exportadores. 

Na planta de Rianxo, inaugurada en setembro de 2023,  investiron 28 millóns de euros, e foi deseñada para superar o concepto clásico de usar e tirar, mediante un eficiente sistema de xestión de augas para a súa reutilización en cada proceso. Con 18.000 metros cadrados pertencentes a varias parcelas no polígono industrial, é a planta máis avanzada tecnoloxicamente e a mais eficiente dende o punto de vista medioambiental da localidade.

A súa produción -entre as que se atopan mariscos, túnidos, cefalópodos, delicias do mar, ovas de peixe e outras especies como a sardiña- supera os 40 millóns de latas ao ano, e cumpren  escrupulosamente os esixentes parámetros das seguintes certificacións: Norma IFS Food, Dolphin Safe, Metal e Estoxos Reciclables, Envases Reciclables e Norma Internacional 9001. Conta, ademais, con outra factoría en Vigo e un equipo de traballadores que supera as 200 persoas.

Logo cofinanciado