A Xunta e a Fundación Nueva Pescanova impulsan a sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro

25 de Abril de 2025

Alfonso Villares e José María Benavent asinan o convenio que permitirá o desenvolvemento do III Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar

  • O encontro, que conta cunha achega do Goberno galego de 60.000 euros, estará dirixido á medición da sustentabilidade dende a visión da cadea de valor, das institucións, do sector financieiro, das ONGs e dende a investigación

  • A nova edición impulsará o diálogo entre todas as organizacións, institucións, asociacións e empresas líderes do sector que traballan en prol da sustentabilidade mariña

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, asinaron este xoves o convenio de colaboración para a organización do III Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar, e que contribúe á promoción e preservación dos recursos mariños, xerando valor económico e social dende a sustentabilidade. Precisamente, o encontro estará dirixido á medición da sustentabilidade dende diferentes ópticas: a visión da cadea de valor do sector, das institucións, do sector financieiro, dende as ONGs e mesmo dende o eido da investigación.

A Consellería que dirixe Villares achegará ao desenvolvemento do relatorio 60.000 euros, co-financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para tecer redes e fomentar a conectividade dos distintos axentes que operan no sector marítimo-pesqueiro en aras de converter a Galicia nun referente internacional en crecemento azul, dotando dun valor social, ambiental e económico ás rías e ao territorio costeiro, e desde un enfoque de protección, conservación e recuperación do medio mariño e da biodiversidade. En definitiva, os eixos estratéxicos que a Administración autonómica persegue coa súa Estratexia de Economía Azul de Galicia.

Esta iniciativa da Fundación Nueva Pescanova, que conta coa colaboración de Mar, impulsará o diálogo entre todas as organizacións, institucións, asociacións e empresas líderes do sector que traballan en prol da sustentabilidade mariña. Constitúese como un debate aberto, global e inclusivo, sobre a actuación responsable e a sustentabilidade dos produtos do mar e o papel que estes xogan para alcanzar un océano san e produtivo. E é que a industria pesqueira e acuícola, e a súa cadea de valor, ten ante si un importante desafío de responder á demanda crecente de proteína de orixe mariña de calidade á vez que garantir o emprego digno, o valor compartido ao longo da cadea e un océano san e produtivo para as xeracións futuras. 

Integración vertical

O Grupo Nueva Pescanova ten ao redor de 10.000 empregados e está presente en 17 países procedentes dos catro continentes. Comercializa ao redor de 70 especies e mariscos en 80 estados. A frota está composta por 54 buques conxeladores e fresqueiros, que faenan nos principais caladoiros do hemisferio sur.

Con 60.000 toneladas ao ano, é un dos principais produtores mundiais de lagostino e, en acuicultura dispón de 7.000 hectáreas dedicadas ao cultivo de diferentes especies. Elabora produtos en 17 plantas de transformación repartidas por África, Asia, América e Europa. A empresa está enfocada en achegar os produtos do mar, facendo da innovación, a frescura e a calidade os sinais de indentidade da súa marca.

Fundación Nueva Pescanova

É unha entidade sen ánimo de lucro que ten o obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sostible da industria dos produtos do mar. Con esta finalidade, o Grupo Nueva Pescanova busca dar un paso máis no seu compromiso coa protección e conservación dos océanos e mares, a través de accións orientadas a promover o uso sostible dos recursos naturais, a saúde e a produtividade dos ecosistemas e a achega de valor nas comunidades nas que opera.

Logo cofinanciado