A Xunta pon en valor o patrimonio e a cultura mariñeira da ría de Camariñas co Miradoiro do Sapo

29 de Novembro de 2024

O conselleiro do Mar participa na inauguración deste espazo público

  • Para a súa posta en marcha, a administración autonómica achegou ao GALP Costa da Morte preto de 94.000 euros, que tamén permitiron outra serie de actividades divulgativas do acervo marítimo da zona

  • Este GALP leva desenvolvidos 57 proxectos para os que recibiu 5,3M€, contribuíndo á creación de 30 empregos a tempo completo

  • Merelles destaca o aproveitamento turístico de espazos de gran valor desta zona, na que a porcentaxe visitantes de xaneiro a outubro aumentou un 6,3%

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este venres na inauguración do miradoiro Furna do Sapo, situado na parroquia de Cereixo, en Camariñas, e cuxo proxecto se enmarca dentro da actuación que desenvolve o Grupo de Acción Local (GALP) Cosa da Morte, no marco das axudas que recibe do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Deste xeito, segundo destacou Villares, a colaboración da Consellería do Mar, permitiu a construción desta dotación que contribúe a poñer en valor o patrimonio medioambiental da ría de Camariñas, atendendo a criterios de sustentabilidade e de valorización da cultura inmaterial pesqueira galega.

O novo espazo de uso público atópase preto do Camiño de Santiago e da Ruta Interpretativa de Cereixo. As previsións é que sexa usado por unhas 3.000 persoas ao ano, ademais de ser xa un dos puntos sinalados no mapa do Destino Startlight da Costa da Morte. Sitúase sobre a ría de Camariñas, coa desembocadura do río Grande, formando a ría, nun primeiro termo, e cos montes e ribeiras á vista de Cereixo, Muxía, A Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas.

Para a súa posta en marcha, a administración autonómica achegou preto de 94.000 euros, que tamén permitiron outra serie de actuacións divulgativas do acervo mariñeiro como elemento de identidade e de autenticidade de Vimianzo, e como son a instalación dun panel interpretativo con código QR que deriva á web para informar desta zona con referencias á historia; ao medio ambiente, á fauna, flora, xeografía e xeoloxía do lugar; ou a características socio etnográficas. Tamén se elaboraron guías didácticas para visitas escolares e se desenvolveron obradoiros divulgativos en centros educativos e para colectivos.

GALP Costa da Morte

Este Grupo de Acción Local  aglutina a un total de 51 entidades sociais, das que o 21,6% corresponden ao sector pesqueiro, o 41,2% ao social, o 17,6% ao público e o 19,6% ao sector económico. Está integrado por nove concellos: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

Dende a súa creación desenvolveu un total de 57 proxectos, para os que recibiu 5,3 millóns de euros que tamén permitiron a creación de 30 empregos a tempo completo. Datos que, en palabras de Villares, reflicten a excelente contribución destes entes na protección, difusión e salvagarda dos importantes recursos da Galicia costeira, en consonancia cos obxectivos do Plan de Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 e na Estratexia a Economía Azul recentemente aprobada.

Aproveitamento turístico

O acto inaugural contou coa asistencia do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacou o aproveitamento turístico de espazos de gran valor paisaxístico como é o caso deste miradoiro, que se suma aos atractivos da oferta deste territorio. Neste sentido, subliñou o incremento no número de visitantes á Costa da Morte de xaneiro a outubro deste ano, un 6,3% máis, pero sobre todo, o turismo internacional que creceu o 19,5%. 

“O turismo estase a converter nun auténtico dinamizador económico do rural”, engadiu ao tempo que animou a sumar novas experiencias e programas relacionados coas potencialidades e recursos de cada zona, para así, ofrecer ao visitante unha experiencia auténtica baseada no propio territorio.

Logo cofinanciado